Reitéralle así a súa disposición a cederlle gratuitamente e libre de cargas o actual edificio dos xulgados, que quedará baleiro cando bote a andar a Cidade da Xustiza, cuxas obras avanzan a bo ritmo e está prevista a súa finalización no primeiro semestre do 2020. A proposta chega despois de que o Concello de Vigo presentase o seus propio proxecto construindo un novo edificio nos terreos que estaban reservados para Cidade da Xustiza antes de que a Xunta decidira levantala no vello Hospital Xeral.
A proposta do Executivo autonómico, que recorda foi abordada nun encontro en Madrid o pasado mes de marzo co anterior Secretario de Estado de Cultura, permitiría «darlle un novo uso ao edificio dos xulgados e solventar unha débeda coa cidade de Vigo, que leva anos reclamando unha Biblioteca do Estado como coa que contan xa varias cidades galegas, onde os seus concellos cederon ao Goberno central terreos ou edificios para poder poñer en marcha estas infraestruturas culturais».
Coñecido o interese manifestado polo Ministerio de manter a súa intención de impulsar a Biblioteca do Estado en Vigo, o Goberno galego defende que a decisión de situala nun dos edificios que albergan actualmente dotacións xudiciais redundaría ademais en beneficio do tecido comercial e veciñal desta zona da cidade, que seguiría a conservar un equipamento público de primeira orde. Asemade, reduciríase considerablemente o intervalo entre o cese do uso xudicial e a súa adaptación á nova finalidade, en comparación ao que suporía optar por unha nova edificación.
Na misiva, firmada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, insistese no compromiso inalterado da Xunta con esta dotación, “unha demanda cuxo interese transcende ás conxunturas políticas de cada momento”, recolle.
Para a Administración autonómica, e así o fai saber, a alternativa de construción dun novo edificio suporía un retraso considerable na posta en marcha desta infraestrutura e un maior coste para as arcas públicas. Tampouco axuda a axilizar os prazos de execución, detalla, a situación urbanística na que se atopa a nova construción en Vigo, derivada da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en sentenza firme do Tribunal Supremo no 2015, sen que desde entón se produciran avances significativos por parte do Concello na redacción do novo plantexamento urbanístico.
Dito isto e á vista da situación, a Xunta reitéralle a súa colaboración para situar a Biblioteca do Estado nos actuais xulgados, posibilitando desta maneira que Vigo conte, no menor prazo de tempo e co menor impacto para o erario público, con esta infraestrutura cultural que con xustiza leva anos reclamando.
Cómpre lembrar que a xestión da nova biblioteca sería asumida polo Goberno galego e o obxectivo é comezar a súa posta en marcha cando estea plenamente operativa a nova Cidade da Xustiza, que concentrará no antigo Hospital Xeral todas as dotacións xudiciais da cidade, grazas a un investimento de arredor de 30 millóns de euros por parte da Administración autonómica, que permitirá recuperar para os vigueses un edificio emblemático e destinalo a usos xudiciais.