Trátase dun recital na que intervirán Ferreiro, esta formación paraguaia e un coro de pequenos cantores da Asociación de Corales Polifónicas de Vigo. As entradas, dispoñibles a partir de 9 euros, xa se poden adquirir a través de Ataquilla.com e o mesmo día do concerto. Toda a recadación que obteña coa venda de entradas se destinará integramente á Fundación da Orquestra de Instrumentos Reciclados de Cateura, unha asociación formada polos pais dos nenos que conforman a agrupación musical e máis o director e creador da mesma, Favio Chávez.
A agrupación, que toca instrumentos creados a partires de materiais de desfeito, chega a Vigo na súa sexta xira por España. Ao longo destes anos, a Orquestra visitou outras cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao, Sevilla, Valencia ou Gijón.
Ademais, Iván Ferreiro confirmou as datas da súa xira de presentación no disco ‘Cena recalentada’, no que quere homenaxear ao grupo vigués Golpes Bajos versionando as súas cancións máis famosas. Ese ‘tour’ recalará en Vigo o 10 de marzo. As entradas poderanse adquirir proximamente a través de internet na web do músico, en Ticketmaster ou Ticketea.