A celebración arrancará ás 19:00 horas na contorna do ‘Bosque da Memoria’, unha reforestación feita hai meses detrás do Castro de Chandebrito e onde se instalará unha carpa ante a posibilidade de choiva. Os actos inclúen un recoñecemento público á veciñanza (a quen se invita a asistir) e ás entidades que colaboraron durante e despois da catástrofe.
Ademais, descubrirase unha escultura conmemorativa realizada polo colectivo artístico ‘Arte no Queimado’ (nacido a raíz dos lumes) e presentaranse proxectos medioambientais concretos para a zona. A continuación, haberá un magosto popular e música a cargo do recoñecido gaiteiro e compositor Xulio Lorenzo e o guitarrista Diego Bea xunto ao grupo de gaitas ‘O Castro de Chandebrito’. A xornada rematará coa proxección en directo ás 21:30 horas do programa ‘Volando Voy’ de Jesús Calleja que foi gravado no Val Miñor a tenor dos incendios e que prestou especial atención á parroquia.
«Será un acto en positivo, onde por en valor a nova concienciación medioambiental e o sentimento de unión e fraternidade xurdida nas parroquias de Camos e Chandebrito despois da catástrofe. Por suposto, será tamén un acto para o recordo das dúas veciñas de Chandebrito que perderon a vida nese día, Angelina e Maximina», sinala o alcalde, Juan González.
Finalmente, se a climatoloxía o permite, o Concello de Nigrán ten previsto organizar o luns 15, no propio aniversario dos lumes, unha andaina polo futuro parque forestal Taboas-Os Matos, contorna que tamén foi devastada polo lume (compre recordar que en Chandebrito só sobreviviron 2 hectáreas do total de 232 de monte comunal e en Camos 20 ha do total de 370 ha).