A proposta pretende actuar sobre unha superficie de 6.000 metros na traseira da Área Panorámica e 1.194 metros no lateral do edificio que quedarán libres coa apertura da rúa Ourense. A realización do proxecto terá un orzamento de medio millón de euros e un prazo de execución de entre 3 e 6 meses, vinculado sempre á execución dun aparcamento soterrado na traseira da Área Panorámica, e tendo en conta amais a próxima apertura da rúa Ourense.
Vázquez Padín sinalou que esta actuación suporá “unha mellora na calidade urbana nunha zona moi representativa da cidade”. Apuntaba amais que con esta actuación se lanza tamén a mensaxe de que “Tui despois de moitos anos de estancamento no seu urbanismo ten que volver a camiñar e a xerar movemento económico e demográfico”.
Iso si apuntaba que esta reurbanización está vinculada á construción dun aparcamento soterrado, o que en conxunto que conlevará unha mellora urbana dunha zona moi importante. Tamén indicaba Vázquez Padín que o deseño presentado hoxe é un anteproxecto sobre o que a cidadanía poderá opinar e que é modificable.
Leandro Nogueira e Ángel Matilla, de NAM Arquitectos, foron os responsables de explicar os detalles técnicos do anteproxecto, no que tiveron en conta os múltiples condicionamentos do lugar como a apertura da rúa Ourense, as rúas lindeiras, a construción do aparcamento soterrado, e circulación da propia cidade, os equipamentos existentes no entorno…
A súa proposta é unha gran zona verde “cruzada por dúas vías principais que xerará catro zonas verdes que no seu interior crearán unha zona máis pavimentada, máis urbana”. Unha das catro zonas estará destinada ao público xuvenil con parque infantil con zona de sombra. Haberá dous espazos con protección solar con múltiples usos que poderán albergar exposicións, reunións, ou diversas actividades, e unha cuarta zona que acollerá un pequeno palco para pequenas actuacións.
Aparcamento
Segundo explicaba o alcalde xa se conta coa redacción dun anteproxecto para a execución do aparcamento soterrado dun andar con 298 prazas que agardan levar a pleno antes de finais de ano para a súa aprobación.
De saír aprobado, continuaría a tramitación administrativa e podería ser realidade en 2020, polo que a urbanización da superficie podería realizarse en 2021. Previamente, o próximo ano o alcalde conta que estea rematada a obra de apertura da rúa Ourense que está xa adxudicada.