Libros Para Soñar tamén reanuda este mes as sesións especiais de contacontos para bebés ata 3 anos. A primeira celebrarase o vindeiro mércores 24 ás 17:30 horas e neste caso a asistencia require inscrición previa no enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com, ao tratarse dunha actividade con prazas limitadas e na que é preciso que cada nena ou neno estea acompañado por unha persoa adulta.
Ademais, a sala de actividades da libraría infantil e xuvenil do Casco Vello ofrece este mes a exposición das ilustracións de Nadia Budde que van formar parte do repertorio literario nas sesións de contacontos deste mes. ‘Un dous tres, que ves?’ foi o seu primeiro libro ilustrado, que gañou varios premios en Alemaña pola orixinalidade da proposta plástica e narrativa, e polo sentido lúdico da obra, que tivo continuidade en ‘Un dous tres, vampiro ti es’.
Este último título é a nova proposta da autora alemá, logo de ‘Un dous tres, que ves?’. Trátase de libros de cartón para prelectores e primeiros lectores nos que o público desempeña un papel moi participativo a través dun xogo de rimas e dunha estrutura baseada na repetición e no encadeamento de personaxes e figuras. Palabras sinxelas e ilustracións de trazos grosos son o fío condutor desta invitación a ler, recitar e mesmo cantar coa libreira Sandra Senra e a mestra Iria Mantilla, que conducirán esta actividade dirixida a nenas e nenos a partir de 4 anos.
Por outra banda, a librería do Casco Vello é unha das protagonistas da sección ‘Onde habitan os libros’ na nova canle de televisión dixital Kalandraka TV, especializada en Literatura Infantil e Xuvenil. Este espazo dá a coñecer librarías e bibliotecas ás que o público pode dirixirse non só na procura de lecturas para distintas idades e gustos diversos, senón tamén para participar nas actividades que organizan como espazos de dinamización cultural e social. Canda Libros Para Soñar, tamén está dispoñible unha reportaxe sobre a Libraría Cartabón e proximamente emitirase un percorrido pola Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, ambas en Vigo.