Este ano presentáronse 32 propostas na área de Vigo, que denotan os diferentes e variados ámbitos nos que traballan os arquitectos, desde o paisaxismo á obra nova, pasando polo interiorismo ou a restauración de monumentos. Nesta edición resultaron agraciados catro proxectos da cidade olívica, un de Nigrán e outro de Baiona (ver detalles máis abaixo).
Con máis motivo, e polo esforzo redobrado dos participantes por alcanzar os obxectivos ante diversas limitacións, a organización salientou que estas propostas son unha “oportuna reivindicación da profesión e da arquitectura na nosa contorna”.
O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. Tras un longo debate e análise dos proxectos presentados, o xurado seleccionou catro premiados na cidade olívica, un en Nigrán e outro en Baiona.
O acto de entrega de diplomas celebrarase en Vigo no mes de novembro para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias.
Os premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2018 pretenden ser un vehículo de comunicación coa sociedade do que se ten feito de calidade como proxecto ou obra na contorna próxima.
O certame está encamiñado a mostrar que a arquitectura é “posible e próxima”, e que os axentes intervenientes e recoñecidos nas obras, desde a súa responsabilidade e a escala da intervención, poden procurar que o contorno sexa mellor e unha expresión da cultura arquitectónica e os valores colectivos desta sociedade e deste tempo.
Proxectos premiados:
Rehabilitación parcial de edificios de vivendas (Vigo)
Arquitectos: Francisco Javier Vázquez Fernández e Perfecto Cendón Domínguez. Cendón-Vázquez Arquitectos
Taberna Morrofino (Vigo)
Arquitectos: Iago Fernández Penedo e Óscar Fuertes Dopico
Rehabilitación de vivenda. Casa Oliveira (Vigo)
Arquitectos: María Pilar González Ferro e Jordi Castro Andrade
Acondicionamento de nave para oficinas marítimo pesqueiras (Vigo)
Arquitectos: Jordi Castro Andrade e María González Ferro
Rehabilitación do antigo Hospital Espíritu Sancti con destino a biblioteca e arquivo histórico (Baiona)
Arquitectos: Clara Murado e Juan Elvira. Murado & Elvira Arquitectos
Nave industrial en Montes da Barxa (Nigrán)
Arquitecto: Leopoldo Alonso-Lamberti Casuso