Deste xeito, na primeira das sesións poderanse ver obras como ‘La verdad’, de Fernando Llor, no que o protagonista terá que revelar un gran segredo a súa moza xusto antes de deixala; ‘Bienvenido al infierno’, de Simón Fariza Miralles, que relata, con moito humor, o temido momento no que un rapaz ten que coñecer a familia (pouco convencional) da súa moza ou ‘Loot’, de Pablo Medina, unha curtametraxe que inclúe a tres atracadores de bancos, unha caixa forte, un novato para abrila e unha realidade que se rexe polas regras dos videoxogos.
O resto das curtas deste bloque son ‘El sueño beato’, de David Pantaleón; ‘Nini’, de Álvaro Sanz Pascual; ‘Estribillo’, de César Tormo e ‘Yayoflautas’, de Jesús Martínez.
Xusto despois do concerto de Joao Tomba terá lugar a última sesión desta xornada inaugural, ‘Sesion Typical Spanish’ composta por títulos como ‘El taconeo’, de Suso L. Capilla, unha curta centrada nun afamado cantante que se verá desbancado dun tablao flamenco por La Bella Dolores ou ‘El escarabajo al final de la calle’, de Joan Vives Lozano, no que Amadeo recibe unha inquietante premonición: quédanlle sete días de vida.
Ademais tamén se proxectarán outras dúas obras máis: ‘Amancio, vampiro del pueblo’, de Alejo Ibáñez e ‘Coplillas por Bombay’, de Jaume Miranda.
Actividades paralelas
Ademais das proxeccións, nesta nova edición terán lugar diferentes actos paralelos entre os que destaca a mostra de ‘art horror’ de Josef Méndez. Un artista vigués que, pouco despois do festival, voará ata Alemaña para estar no Weekend of Hell, o festival de horror máis quente de Europa, segundo o propio eslogan do evento.
O ‘gaming’ tamén terá un oco na primeira edición do Galician Freaky Film Festival. Así, dende o xoves 25 e ata o sábado 27 estarán na sala dúas máquinas arcade para que todos os amantes dos videoxogos antigos poidan volver uns intres ao pasado e gozar coma rapaces unha vez máis.
Finalmente, tamén estará dispoñible unha cervexa propia do festival e feita especialmente para a ocasión cortesía da marca artesá Nós.
Votación popular
Os gañadores das curtametraxes á concurso decidiranse mediante unha votación popular do máis orixinal: un ‘aplausómetro’ feito ‘ad hoc’ para o festival polo que, ao remate de cada obra, o público deberá botarlle ganas e implicarse ao máximo se quere que o filme pase a estar entre os favoritos da primeira edición do certame.
Sen dúbida, está todo preparado para vivir unha primeira xornada inaugural que só será o principio de tres días repletos de moito gamberrismo en forma de sesións de cine, ‘gaming’ e concertos que servirán para reivindicar o mundo friki e consolidar o evento coma un referente na cidade.
Prezos
Cada sesión de cine custará 2 euros, mentres que o concerto de Joao Tomba terá un prezo de 4 euros que inclúe o pase para o bloque ‘Sesion Typical Spanish’.
As entradas poderanse mercar dende media hora antes do comezo de cada sesión na propia sala Videodrome e, para todos aqueles que non se queiran perder nada, haberá un abono especial de 10 euros que da acceso a todas as actividades e as curtas desta primeira edición do festival. Para reservalo, basta con poñerse en contacto coa organización a través do Facebook ou de Instagram.
Así mesmo, toda a información relativa tanto aos filmes como as actividades paralelas están dispoñibles na web do Galician Freaky Film Festival.