Vázquez supervisou os avances dos traballos no último tramo da autovía do Morrazo, nos 3,8 quilómetros que restan entre o enlace de Meira e o primeiro enlace de Cangas, e que supón un investimento autonómico de máis de 18 millóns de euros.
Segundo destacou, tras a posta en servizo o pasado mes de maio dos 7 primeiros quilómetros de autovía, entre o enlace de Rande e o de Meira, os traballos que culminarán a conversión en autovía do corredor do Morrazo estanse a executar coa máxima axilidade.
Nestes momentos están rematadas as voaduras nos desmontes e feito o 90% do movemento de terras, así como xa está realizada a ampliación das estruturas en 2 pasos inferiores.
Tamén están executados a totalidade dos piares do Viaduto da Fraga, a estrutura máis singular deste treito, con máis de 300 metros de lonxitude.
Ademais, estase a traballar na ampliación do paso da estrada autonómica que comunica Moaña e Marín, a PO-313, e avanzando agora no taboleiro, concretamente xa no terceiro vano do viaduto.
Este ritmo das obras está vencellado ás solucións aportadas polo conxunto da dirección de obra e empresas consultoras e construtoras, que foron quen de habilitar a alternativa dun desvío provisional na zona para a execución con seguridade do desmonte na marxe dereita, permitindo minimizar os cortes de tráfico sen ter que retrasar os traballos. E noutros desmontes fixéronse voaduras que, salvo contadas excepcións, non implicaron cortes maiores de 5 minutos.
O grado de execución actual dos traballos neste terceiro treito da autovía do Morrazo é actualmente de máis do 60%, e este ritmo de avance na execución dos últimos 3,8 quilómetros -que foron iniciadas en agosto de 2017 cun prazo de execución inicial de 24 meses-, vai a permitir adiantar os prazos previstos.