A actuación consiste na rehabilitación integral do firme da estrada, na instalación de sistemas de barreiras de seguridade para motociclistas, elementos de redución da velocidade de tráfico e nova iluminación; así como na renovación do abastecemento de auga e a drenaxe.
As obras, subvencionadas pola Deputación, teñen un orzamento de 632.857 euros, dos que o Concello de Mos achega o 14% (correspondente ós labores de acometida do abastecemento). Os traballos nesta estrada provincial supoñerán unha importante mellora na seguridade viaria para todos os usuarios da vía, tanto peonís como motorizados.
A vía rexistra unha alta intensidade de vehículos, sobre todo de vehículos pesados e ten gran capacidade vertebradora dentro do municipio, debido a que conecta o núcleo urbano de Puxeiros co aeroporto, o Ifevi e a zona industrial do Rebullón.
O tráfico que soporta é moi elevado debido ao importante número de naves de almacenamento e loxística que utilizan esta vía de acceso. Existían problemas que reducían a seguridade da vía, tales como o mal estado xeral dos pavimentos, a insuficiente iluminación, falta de elementos de contención adaptados a motoristas en curvas perigosas (barreiras de seguridade), sistemas puntuais da drenaxe mal resoltos, beirarrúas con danos puntuais e mal estado da sinalización horizontal e vertical e do abastecemento, con constantes roturas que provocaban danos estruturais ao firme. Problemas que con esta obra quedarán resoltos.
O proxecto ten un prazo de execución de catro meses e o ámbito de actuación do presente proxecto comprende a práctica totalidade da estrada, cunha lonxitude aproximada de 2.759 metros.