«Celebramos o paso que dará Marea de Vigo para facilitar unha coalición electoral en Vigo con Podemos», sinala o comunicado, que engade que «o feito de que simplifiquen e aceleren os seus procesos internos, para que estes non interfiran cos acordos futuros de coalición que o noso Grupo de Traballo Municipal de Podemos Vigo leva perseguindo os últimos meses, non pode ser acollido doutro xeito que non sexa como unha moi boa noticia».
Podemos cre que isto significa que Marea e, en concreto, Rubén Perez, darán un paso á beira, o que permitirá formar unha fronte máis ampla: «A formulación de Marea de Vigo, na que Rubén Pérez asume a responsabilidade de encabezar a súa formación, coa vocación de dar un paso á beira para facilitar a súa integración nun proxecto máis amplo (independentemente da marca), que permita aspirar a algo mais que ser oposición».
O obxectivo de Podemos Vigo é que se forme un proxecto que aglutine a un número importante de vigueses e que se presente como alternativa de goberno ao PSOE de Abel Caballero. «Como xa dixemos no seu momento, cremos importante que haxa un proxecto forte e plural en Vigo para estas municipais. Un proxecto que poida ser asumido como propio por todas as nosas e nosos miles de votantes, que ilusione e que marque o inicio dunha nova forma de pensar Vigo e facer política non só na cidade, senón en toda a bisbarra (recuperando o concepto de capital da euro rexión). A sociedade viguesa leva demandando os últimos catro anos, un proxecto político de maiorías, con amplo respaldo social que permita a Vigo avanzar», di o comunicado.
Respecto á marca a utilizar nas próximas eleccións, aseguran que é responsabilidade da dirección autonómica do partido. «Dado que a nova dirección política de Podemos Galicia ten nas súas mans a responsabilidade de pechar antes da primeira quincena de Decembro, da man da dirección estatal, un acordo marco sobre a marca e outros matices pendentes para presentarse ás municipais (que deberá poder adaptarse a cada un dos municipios), consideramos importante o poder traballar da man da nosa nova dirección política, facilitando as sinerxias que nos permitan dar resposta á demanda das nosas inscritas en Vigo», sinala.