A presentación realizouse este venres no centro médico vigués. O xefe de Cardioloxía, o doutor Andrés Íñiguez, explicou o problema da insuficiencia tricúspide e presentou o procedemento do implante valvular. O doutor Francisco Calvo, xefe de sección da unidade, foi o encargado de presentar o caso clínico así como os resultados ecocardiográficos e de TAC tras o implante. Mentres, o doutor José Antonio Baz, tamén xefe de sección, falou da evolución do caso así como das consideracións finais sobre o mesmo.
Tras realizar o pertinente estudo previo, os responsables do Servizo de Cardioloxía solicitaron ao Servizo Galego de Saúde a autorización deste procedemento, único ata agora en España e do que só se fixeron outros tres a nivel mundial.
Para isto, encargouse unha prótese a medida, para substituír á tricúspide que fallaba, cuxa fabricación tardou un mes en realizarse. A prótese construíuse a base de Nitinol, que é unha aliaxe de níquel e titanio que presenta unha gran elasticidade e é autoexpandible, recuberta de pericardio porcino.
A novidade da intervención realizada estribou en unir un dos extremos da prótese á vea cava superior e o outro á vea cava inferior. Desta forma a prótese substitúe a función que debía realizar a válvula tricúspide para o correcto bombeo de sangue polo corazón.
“Decidímonos efectuar esta intervención para tratar unha insuficiencia moi grave, cun prognóstico moi malo e afortunadamente saíu moi ben e a paciente fai unha vida normal”, explica o xefe do Servizo de Cardioloxía CHUVI, o doutor Andrés Íñiguez.
Insuficiencia
A insuficiencia da tricúspide é unha afección pola que esta válvula non se pecha correctamente. Atópase entre as dúas cavidades cardíacas dereitas, é dicir entre o ventrículo e a aurícula dereitos.
O mal funcionamento da tricúspide provoca que o sangue bombeado polo corazón regrese ás veas cavas en lugar de facer o seu percorrido normal. Este feito supón un proceso moi grave para o paciente que pon en perigo a súa vida.
O tratamento cirúrxico desta insuficiencia -facer unha operación aberta e substituír a válvula- arroxa uns índices de mortalidade moi altos nos pacientes, cunha supervivencia de entre un 10 e un 15%.
Procedemento
Debido á elevada porcentaxe de mortalidade nunha operación cirúrxica convencional, o equipo do doutor Íñiguez decidiuse por realizar a implantación da endoprótese mediante técnicas de uso de catéter, que son minimamente invasivas. Utilizouse unha técnica que precisamente está indicada para pacientes que presentan un alto risco cirúrxico (como era o caso) ou que son inoperables.
A prótese é o elemento fundamental de traballo na intervención. Funciona a modo de ‘stent’, dispón de marcadores radiopacos para o seu posicionamento seguro e o deseño está orientado a previr o fluxo retrógrado de sangue cara ás cavas.
“Sen dúbida o elemento clave foi a ancoraxe da prótese nas veas cavas”, explica o doutor Íñiguez, “así como a orientación correcta do dispositivo cara ao tracto de entrada do ventrículo dereito do corazón”.
Con este procedemento ábrese así un espazo á esperanza paras uns pacientes que ata agora non dispoñían dunha alternativa efectiva.
Servizo líder
O servizo de Cardioloxía do Chuvi é líder en España na implantación de válvulas cardíacas mediante técnicas minimamente invasivas.
Ademais da técnica descrita, durante o ano pasado colocáronse no servizo 111 válvulas aórticas e outras 34 máis en tratamentos de insuficiencia daválvula mitral. A previsión para este ano, só en válvulas aórticas, é que implantaranse unhas 130.
Estas cifras sitúan ao Hospital Álvaro Cunqueiro á cabeza dos hospitais españois en canto a estas técnicas de intervencionismo estrutural.