Acompañado polo xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, o representante autonómico constatou que a intervención está a piques de rematar, tras un investimento de preto de 214.000 euros destinados á reposición do firme. Segundo informou, “trátase dunha actuación que mellorará considerablemente as condicións nas que se atopaba esta estrada”. Asemade, confirmou que ata o remate dos traballos a vía provincial manterá cortado un carril, dándose paso alternativo ao tráfico a cada sentido da circulación.
Ao fío, Lopez-Chaves incidiu en que a Autovía do Morrazo supón o maior investimento que ten en marcha a Xunta nunha infraestrutura viaria con cerca de 56 millóns de euros, e que á posta en servizo dos 7 quilómetros entre Rande e Meira sumáranse, antes do verán de 2019, 4 quilómetros máis ata o enlace de Cangas. “Remataran así para sempre os atascos e completarase a totalidade do eixe de comunicación que os veciños do Morrazo precisan e agardan”, subliñou.