Así o decidiron este xoves nunha xuntanza, á que acudiu o tenente de alcalde do Porriño, Manuel Carrera, e na que aprobaron solicitar permiso para realizar ese corte de tráfico todos os mércores-empezando polo vindeiro, o día 21 de novembro- de 13.00 a 13.30 horas e denunciar, de novo, que o barrio “está dividido por unha liña continua na estrada que fai imposible aos coches xirar para chegar ás casas ou negocios e cruzar aos peóns que, ante o perigo que supón teñen que andar máis de un quilómetro”.
A alcaldesa, Eva García de la Torre, que non puido achegarse ata a Vaquería, reiterou todo o seu apoio a esta reivindicación e lembrou que “hai xa máis de 6 meses que os responsábeis da Xunta comprometéranse a estudar á proposta dos habitantes desta parte do Porriño para rematar con esta situación e ata hoxe non deron sinais de vida”.
Os veciños amosaron o seu desexo de que na mobilización do vindeiro mércores haxa representantes de todos os grupos políticos do Concello, “porque este é un tema que afecta a toda a veciñanza, que divide a familias e no que temos que estar todos esixindo unha solución que ten que tomarse xa”.