A mostra estará aberta ata o vindeiro 31 de marzo no andar baixo do museo e contará con intervencións periódicas por parte de Trigo, desde a semana inaugural ata a data de clausura. Xunto ás obras en exposición -pintura, debuxo, escultura, fotografía, vídeo-, a mostra inclúe unha intervención nun dos muros.
‘Pantoque’ é un proxecto creativo multidisciplinar, desenvolvido polo artista plástico Ramón Trigo e o fotógrafo e realizador audiovisual Eduardo Armada. A idea primixenia é a realización dun proxecto artístico de investigación baseado na confluencia de dous modos de narración que parten dunha mesma realidade compartida: explorar coa linguaxe plástica e visual sobre o tanxible, o espazo arquitectónico e o proceso de traballo dun estaleiro.
A través da observación da actividade diaria e a relación do ser humano co feito construído e o mar, ambas as linguaxes interrelaciónanse na procura dun lugar común. O espazo elixido é Estaleiros Armada, situado en Bouzas, Vigo, desde os anos vinte, e con case un século de vida tras tres xeracións dunha familia inexorablemente unida ao mar e á historia da cidade.
En setembro de 2016, Ramón Trigo traslada o seu taller a Estaleiros Armada. Alí, durante doce meses convivirá cos traballadores reinterpretando a actividade da empresa tamizada pola súa visión plástica. Ao mesmo tempo Eduardo Armada documenta en vídeo e fotografía toda a acción. O proceso os converte nun solo home. O artista e a súa sombra. Dúas formas visuais de narración onde a pintura suxire o vídeo e a fotografía documentan.