Así este martes o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, asinou un decreto no que ordena que se requira ao redactor do Proxecto de Demolición da Pirotecnia La Gallega a que de maneira urxente presente o proxecto de demolición da totalidade das edificacións existentes.
Do mesmo xeito, no decreto se manda dar traslado do auto do xulgado tanto á Subdelegación do Goberno como á unidade de Intervención de Armas da Garda Civil para que procedan segundo o recollido no documento emitido polo xuíz.
Tamén notificouse á propiedade a que nesa data debe abrir voluntariamente a instalación. En caso contrario, a Policía Local de forma coordinada cos TEDAX e coa Intervención de Armas da Garda Civil procederá a retirar o precinto das instalacións, entrar, trasladar e eliminar todo o material pirotécnico e explosivo que se atope no interior.
Unha vez completado o desaloxo iniciarase a demolición completa das instalacións, conforme ao proxecto encargado, para o que no decreto da Alcaldía se ordena ao departamento de Contratación para que dada a “urxencia, gravidade e premura da situación conforme ao artigo 120.a da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público” formalice o contrato coa empresa Demoliciones y Desamiantados de Galicia SL para que realice estes traballos de forma inmediata.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, valora moi positivamente que se poida executar a sentenza de forma tan inmediata, ao implicar o xuíz á Subdelegación no desaloxo.