O Concello recibiu con “gran satisfacción” esta resolución que o alcalde, Abel Caballero, asume como un “recoñecemento a un modelo diferente de facer cidade”, no que as infraestruturas están ao servizo de facilitar a calidade de vida aos seus cidadáns. As humanizacións e o Vigo Vertical forman o groso dunha candidatura chea de proxectos que dan solución a orografía da cidade e os problemas de mobilidade que esta xera.
A proposta recoñecida desde Europa pon en valor a “revolución das humanizacións” con rebaixa e ensanche de beirarrúas; semáforos acústicos e pasos de cebra con resaltes; transporte público adaptado (autobuses e taxis) ou as cadeiras anfibias que se usan no verán para facilitar o baño de persoas con dificultade de mobilidade.
Outro dos piares da candidatura é o Vigo Vertical, no que destacan proxectos como as escaleiras de Abeleira Menéndez; os ascensores de Menéndez Pelayo, San Salvador, Marqués de Valterra e Torrecedeira; as ramplas de Gran Vía, arteria principal da cidade cunha pendente variable do 8% ao 14% ou a peonalización da Porta do Sol, que inclúe un túnel para restrinxir o tráfico rodado na zona).
Caballero lembrou que estes proxectos están cofinanciados por fondos Feder, dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Vigo Vertical, que permitirá á cidade recibir 15 millóns de euros para desenvolver proxectos que compacten a cidade e eliminen as disfuncións que ten consecuencia de ser “unha montaña”.