Abel Caballero explicou que se acondicionará o lugar para transformalo nunha «gran zona verde», con aparcamento, con zonas para actividades festivas e pradeira, en definitiva, «unha zona de utilización cidadá nun espazo que ata agora era o teito dunha autoestrada. Imos cambialo por unha zona de atracción cidadá».
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a clasificación de ofertas para a contratación das obras de humanización da rúa Aragón fase V, desde Travesía de Vigo á rúa Padre Celso, cun orzamento de máis dun millón de euros e actuacións en case medio quilómetro. Segundo expuxo o alcalde, con esta fase conclúe a humanización de toda a rúa Aragón, «historicamente esquecida na cidade e que agora humanizamos na súa totalidade». As obras supoñerán a creación de zona verde, a renovación do saneamento, o abastecemento, as beirarrúas e os asfaltados. O conxunto das actuacións en toda a rúa suman 7 millóns de euros que Caballero traduce en «dignidade para xente digna».
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación da contratación do subministro de material e alugueiro de maquinaria para as obras a realizar nos colexios de educación infantil e primaria polo programa Vigoemprega, cun importe total de 187.000 euros. As actuacións enmárcanse dentro do proxecto «Vigo Vertical» estratexia DUSI, cofinanciado por fondos FEDER.
Quedou aprobada tamén a clasificación de ofertas para a contratación da terceira fase da humanización da rúa Gregorio Espino cun presuposto de 1.412.000 euros e un prazo de execución de 9 meses. A obra comprende a humanización de Gregorio Espino entre as rúas Urzáiz e Jenaro de la Fuente, e entre San Roque e as rúas Aguia e Reiseñor. Caballero salientou que este orzamento, sumado ás fases anteriores xa executadas, ascenden a 2,3 millóns dedicados á humanización de Gregorio Espino.