Así respostou este mércores a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, tras as acusacións por parte do seu homólogo vigués, Abel Caballero, sobre a anexión de terreos ubicados na zona do Rebullón.
«Non existe ningunha “manifiesta ilegalidad” como di Caballero, tan só existe por parte do Concello de Mos a vontade de emprender un trámite administrativo (que non un litixio, aínda que visto a actitude do alcalde de Vigo probablemente chegará a selo) para deslindar a zona obxecto de estudo», sinala Arévalo nun comunicado de prensa emitido a mediodía do mércores.
O Concello de Mos engade que «notificoulle o pasado xullo ao de Vigo (non o acaba de facer agora como di Abel Caballero)» a constitución en Pleno e membros integrantes da Comisión de Deslinde mosense para que o Concello de Vigo realizase o mesmo trámite e poder convocar a primeira xuntanza in situ de ambas partes e iniciar o proceso de deslinde. «A resposta do Concello de Vigo nunca se produciu e hoxe, cinco meses despois, o seu alcalde invéntase que o de Mos anexionouse a superficie obxecto de debate», apunta.
Desde Mos explican tamén que remitiron en xullo a Vigo o informe pericial que xustifica o inicio do expediente de deslinde e que argumenta técnicamente a corrección dos lindes datados de 1890 e o erro da liña marcada en 2007 polo IGN ao obviar un marco.
O Concello de Mos asegura que rexiuse pola liña de deslinde con Vigo establecida polo IGN para que a Xunta de Galicia autorizase aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, pero ante a demanda dun empresario do Polígono do Rebullón que co novo Plan Xeral de Mos queda fóra do termo municipal mosense e pasa a pertencer a Vigo, -pero que quere seguir pertencendo a Mos-, a administración local mosense inicia o trámite administrativo de deslinde necesario para que no PXOM prevaleza o límite histórico de 1890 con Vigo e non o do IGN.
«Dende sempre o Concello de Mos cobra o IBI das naves situadas na zona obxecto de deslinde do Polígono do Rebullón porque lles ofrece servizos públicos, que nunca correron a cargo do Concello de Vigo nin nunca o Concello de Vigo se interesou en asumir ditos servizos. Así como nunca se preocupou de reclamarlle a Mos eses ingresos do IBI, nin tomou a iniciativa de convocar unha Comisión de Deslinde para aclarar a verdadeira ubicación das mesmas», apuntan desde o Concello de Mos.
A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, lamenta que “o alcalde de Vigo se dedique a mentir sobre o Concello de Mos nunha pataleta política motivada pola súa incapacidade e nefasta xestión noutras cuestións”. “Eu actúo segundo as obrigas do meu cargo e busco solucións de inmediato ante unha liña de deslinde que marca o IGN e coa que Mos non está dacordo, se Caballero fixese o mesmo en vez de adicarse ó populismo, este tema estaría solucionado fai anos, ou agora estaríamos ambos concellos traballando conxuntamente para solucionalo”, engade.
Arévalo remata aclarando que “ninguén se está intentando apropiar de nada porque eses terreos aparecen como Vigo no Plan Xeral e agora o que pretendemos é esclarecer se efectivamente son de Vigo, como marca o IGN, ou de Mos, como está demostrado históricamente, para eso se convoca a Comisión de Deslinde, nada máis. Non hai ningunha anexión, nin apropiación, nin moito menos ilegalidade; todo o contrario: o que hai é vontade de esclarecer mediante un trámite admistrativo totalmente legal”.
“Apelo á seriedade, non se pode mentir dese xeito sobre un Concello veciño, é algo gravísimo”, concluiu á alcaldesa de Mos.
Artigo relacionado:
Vigo denuncia que Mos se ha apropiado de 50.000 metros cuadrados al mover la ‘frontera’