Victoria Alonso presentou o seu proxecto socialista para Mos baseado «na igualdade e na empatía, traballando de verdade para a veciñanza. Un proxecto de feitos cumpridos, e non de promesas, que garanta o acceso aos servizos en igualdade para todos os veciños. Acabouse o clientelismo e non ser atendido por ser doutra cor política. A partir de maio imos sacar ao Partido Popular de Mos. Saimos a gañar e a devolver ao Concello a dignidade que lle foi arrebatada», asegurou a candidata socialista.
Engadiu que traballaría para conseguir as infraestruturas que o concello precisa, devolvéndolle ás axudas ás ANPAS ou o acceso a axudas para todas as asociacións por igual, «rematando coas políticas populares que deixaron as arcas municipais coa débeda actual. Apostaremos pola defensa do monte e pola creación de postos de traballo de calidade».
O secretario xeral provincial, David Regades, pola súa parte, amosouse convencido da vitoria socialista no partido xudicial de Vigo, «onde imos conseguir novas alcaldías, sumando ás que xa temos, a de Baiona ou Redondela, converténdonos na forza máis votada na provincia. Mos non pode estar permanentemente enfrontada a Vigo, hai que facer unha aposta por un urbanismo para as persoas e neste sentido contarás co apoio da Zona Franca, para darlle un pulo ao tecido industrial no Concello», asegurou Regades.
Tanto Regades como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacaron que Nidia Arévalo «non é a alcaldesa que Mos precisa, porque non ten un proxecto para este concello. Só a vexo falar de negocios a costa de Mos, non traballar para os veciños de Mos», dixo Carmela Silva, quen afeou a Arévalo que non dixera nada sobre a situación da sanidade no concello e na provincia. «O silencio de Nidia Arévalo sobre a sanidade pública faina cómplice desta situación crítica», afirmou Silva.
Caballero, pola súa banda, sinalou que «as políticas socialistas son sinónimo das mellores políticas municipais» e destacou na súa intervención a necesidade de darlle un cambio a Mos, «onde o Partido Popular é igual a políticas antigas e fracasadas, demostrando a súa incapacidade na xestión municipal en situacións tan graves como a da sanidade pública».