Segundo explicou a presidenta, Carmela Silva, o novo plan “suporá un cambio rotundo de modelo en consonancia co Plan Director por un Trabajo Digno 2018-2020, aprobado no mes de xullo de 2018 polo goberno de España para propiciar formación e empregos dignos, un Plan Director co que estamos en total sintonía”.
Esta iniciativa terá como principal novidade que a xente nova da provincia poderán optar a un sistema de contratos en prácticas con máis garantías, maior duración e mellores salarios, “abandonando o plan de bolsas que o PP ideou e implantou na Deputación de Pontevedra”.
“Falamos de contratos con máis garantías e mellores salarios, con máis beneficios para a mocidade xa que as súas prácticas computan como experiencia profesional e figuran na vida laboral”, destacou Silva. En canto aos salarios, a presidenta explicou que as persoas beneficiarias percibirán o 60% do salario segundo o convenio colectivo de cada sector. “Mentres agora as persoas beneficiarias do Plan de Práctica Laboral reciben entre 740 e 840 euros, a partir de xullo e co novo modelo que estamos a impulsar todos e todas superarán esas cantidades”, informou.
O vixente Plan de Práctica Laboral manterase ata xuño de 2018 para dar cumprimento ás bases da convocatoria que detallan que as bolsas poderán prorrogarse ata seis meses máis. Así, a presidenta da Deputación explicou que “na última Xunta de Goberno decidimos amplialo un mes, para que o servizo de Emprego tivese avaliado o novo modelo e queríamos ser prudentes. Se non o facíamos así todas as bolseiras e bolseiros se tiñan que ir para as súas casas. Agora, unha vez avaliado o novo programa, e cumprindo as bases pechamos o que xa estaba previsto, a prórroga ata xuño”.