En 2018, segundo os datos obtidos a través do seguemento que fai Cemma nas distintas Rías dende embarcación e costa, complementado co traballo da rede de varamentos, naceron nove cachorros, pero catro deles morreron nos primeiros meses de vida. Ademais, outros catorce xuvenís e adultos morreron nesta zona, polo que foi outro ano con máis mortes que nacementos dentro da poboación.
No norte de Galicia morreron catro adultos máis, aínda que alí non se fixo un traballo específico para control de nacementos, polo que non se pode valorar a situación local.
O caso máis significativo do ano pasado foi o dunha femia que estivo levando o corpo do seu cachorro morto durante tres días na ría de Vigo, acompañada doutros individuos. Este comportamento, a modo de dó, xa se ten observado noutras ocasións nesta e noutras especies de cetáceos.
A captura accidental segue a ser a principal causa de morte e varamento con máis do 50% dos casos examinados e con causa de morte coñecida, seguido da mortalidade infantil cun 22% e enfermidades patolóxicas nun 10% dos casos, e incluso nalgún caso dos varamentos vivos atendidos foron comprobados indicios de captura accidental.
A poboación de arroaces en Galicia non está en risco polo momento, pero esta situación persistente de alta mortalidade, superando o número de exemplares que nacen, pode converterse nunha serie ameaza.
A Cemma é a entidade que xestiona a Rede de Varamentos de Galicia a través do convenio e autorizacións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso contan cun número activo 24 horas (686 98 90 08) e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.