As restricións aumentarán ás 15.00 horas, cando quedará pechado o tráfico entre a rúa Sanjurjo Badía e Isaac Peral, onde comeza a montaxe da Cabalgata. Xa ás 17:00 horas queda cortado todo tipo de acceso no resto do itinerario, é dicir, ata a Porta do Sol e Elduayen, a onde se dirixen as carrozas tras pasar polo Sireno. A comitiva real, que este ano ten como temática os espectáculos infantís, sairá ás 18.00 horas.
Antes, de 10.00 a 14.00 horas, as súas Maxestades visitarán hospitais e centros asistenciais. Ás 12.00 horas haberá unha recepción aos nenos no Auditorio Municipal con animacións, chocolate e rosquillas.
Repartiranse catro toneladas de caramelos sen glute e sen azucre e, tras o desfile, o alcalde recibirá en Porta do Sol aos Reis Meigos e entregaralles a chave da cidade para que poidan repartir agasallos e ilusións. Ademais, no desfile tomarán parte 15 carrozas e tres autobuses.
Cinco das carrozas son municipais, as da Policía Local, Carteiro Real (‘O Mundo do Circo’), Rei Melchor (‘Monicreques’), Rei Gaspar (‘A Maxia’) e Rei Baltasar (‘Clowns’). Tamén haberá grupos de animación cun total de 1.250 persoas participantes.
Postos de seguridade e nenos perdidos
O dispositivo de seguridade previsto contará con 90 axentes da Policía Local, a colaboración de 300 voluntarios, efectivos de Protección Civil e ambulancias. Na organización e montaxe participan tamén os Centros Deportivos e Culturais e a Federación de Peñas Recreativas El Olivo.
O percorrido estará totalmente valado para garantir a seguridade dos asistentes e vanse establecer catro postos destacados de emerxencias: no cruce de Alfonso XIII con Garcia Barbón, en Colón-Urzaiz, a rúa Miragaia e Doutor Cadaval.
Ademais instalaranse dous postos de atención a cativos perdidos no lateral da Igrexa de Santiago de Vigo e na Porta do Sol e haberá unha plataforma para persoas con mobilidade reducida diante da Igrexa de Santiago de Vigo.