A formación pide aos vigueses que «compren nos barrios, no comercio de proximidade, que é o que xera emprego, fixa poboación nos barrios e comporta vida ás nosas rúas». «A campaña das rebaixas debería ser unha oportunidade para emendar o grave erro de converter a Vigo no espazo que hai entre unha estrutura metálica con forma de cono, unha bola de ferro e miles de leds que teñen custado máis que o que este concello adica a políticas de loita contra a pobreza e exclusión social», di o concelleiro Xosé Lois Jácome.
«Mantendo a iluminación unha semana máis, coincidindo co comezo das rebaixas, elementos como a árbore da Porta do Sol fan efecto chamada ao centro, onde están as grandes multinacionais de roupa e baleiran o comercio local noutros barrios», engade Jácome.
Por outra banda, Marea de Vigo xa ten datos que amosan «unha ocupación hoteleira discreta en comparación con cidades como Compostela ou mesmo A Coruña, fronte aos datos falsos e interesados emitidos pola federación provincial de hoteleiros, nos que o que si que queda patente é a consolidación do modelo de contratación precario na hostalería, con contratos asinados e finiquitados o mesmo día», matiza Xosé Lois Jácome.
«É preciso – engade – sacar os datos reais do INE, da enquisa de consumo das familias e da contratación nos sectores do comercio e da hostalería e é preciso analizalos en clave de cidade, e non dunha parte polo todo, dunha zona moi concreta como é o centro, onde si que houbo cantidades inxentes de persoas, fronte ao resto dos barrios. Os datos deben tomarse con rigor para que non se siga mentindo ao conxunto da sociedade viguesa cando se decide destinar unha cantidade inxente de recursos públicos nun ‘deambulatorio iluminado’ para que pasee compulsivamente un alcalde que en vez de solucionar os problemas derivados da súa xestión (ORA, PXOM, Marisquiño…) fai do ‘presentismo paseante’ un xeito de traballo cando menos pouco produtivo».
«Fronte á manipulación e ao uso delirante dos datos, está a certeza da información que contén o Instituto Nacional de Estatística que, por exemplo, cunha enquisa sobre o consumo das familias nestas datas e, facendo a comparativa con outras cidades galegas, poderemos ver o impacto real do estrago en luces de Nadal con respecto ao gasto público realizado. Cidades como Santiago de Compostela, cunha cantidade infinitamente menor de gasto en iluminación de Nadal pero cunha acertada promoción turística encheron os hoteis da cidade», explica Xosé Lois Jácome.