O ente xurde dun convenio de colaboración asinado este xoves polas tres entidades para realizar investigacións sobre o sector eólico en Galicia co gallo de ofrecer información cuantitativa e cualitativa entre os axentes participantes, ademais de favorecer a transparencia dos procesos de ocupación de terreos destinados a parques eólicos e amosar os impactos positivos que a enerxía eólica xera no mundo rural.
Para iso, o Observatorio terá tres ámbitos de traballo. Servirá como repositorio de información legal, económica e ambiental dos parques eólicos, configurándose como un espazo aberto no que se poderá consultar información actualizada sobre os distintos aspectos ligados á enerxía eólica en Galicia, como a potencia instalada e a súa evolución, proxectos industriais vinculados, emprego e riqueza xerada na Comunidade. Neste ámbito tamén se prestará especial atención á recollida de información cualitativa e cuantitativa (prezos, prazos, cláusulas de contratos, expropiacións…) sobre os procesos de negociación entre propietarios de terreos eólicos e promotores, así como sobre o uso dado polos axentes rurais ás rendas xeradas dos parques eólicos.
O organismo tamén realizará estudos e análises socioeconómicas e institucionais da enerxía eólica, sobre todo relacionados cos procesos de negociación cos propietarios de terreos eólicos e a comparativa cos antecedentes galegos e con outros contextos xeográficos. Isto permitirá identificar boas prácticas que contribúan a mellorar os impactos sociais e económicos directos da enerxía eólica nas áreas rurais, contribuíndo a dinamizalas economicamente.
Por último, prestará asesoramento gratuíto aos axentes rurais que se atopen en procesos de negociación con promotores eólicos como mecanismo para fortalecer a súa posición negociadora e favorecer o incremento das rendas derivadas da actividade eólica nos espazos rurais. Precisamente esta preocupación conecta cunha das medidas recollida no ditame da Comisión de incendios forestais aprobada polo Parlamento de Galicia, tendente a favorecer a capacidade de negociación das Comunidades de Montes fronte ás empresas de produción de enerxía eólica.
Fondos e persoal
Xavier Simón Fernández, profesor titular da Universidade de Vigo, pertencente ao departamento de Economía Aplicada e director do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, será o coordinador e investigador principal responsable do Observatorio.
Toda a información xerada no desenvolvemento do convenio, de conformidade cos obxectivos perseguidos polo Observatorio Eólico de Galicia, será publicada no portal web do Observatorio que se aloxará en servidores da Universidade de Vigo.
O custo total das actividades previstas no convenio de creación do Observatorio ascende a 50.000 euros, que serán achegados pola Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto, mentres que a Universidade de Vigo achega un valor económico en custos de persoal equivalente a 4.000 euros polos traballos de coordinación.
Antecedentes
A Fundación Juana de Vega e a Universidade de Vigo teñen traballado de maneira conxunta a prol do desenvolvemento rural de Galicia realizando traballos no eido da enerxía eólica. No ano 2011 subscribiron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto de investigación Impacto económico e social da enerxía eólica no mundo rural galego, un amplo estudo que permitiu facer unha estimación das rendas que permanecían no rural pola instalación de parques eólicos e dos beneficios sociais (emprego, transferencias, convenios cos Concellos…) que revertían nos axentes rurais por mor destas instalacións.
Ademais, tamén axudou a identificar iniciativas innovadoras, de natureza produtiva ou non produtiva, que desenvolvían os propietarios dos montes coas rendas recibidas da instalación de parques eólicos. Asemade, no ano 2013 ambas entidades asinaron outro convenio de colaboración para o Asesoramento económico, técnico e contractual nos procesos de instalación de parques eólicos en Galicia.
Estas colaboracións conxuntas, desenvolvidas co Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, permitiu concluír que os propietarios de montes no rural galego percibían unhas rendas baixas (1,18%-1,5% do volume de facturación bruta do sector eólico) en relación coas que se reciben noutras comunidades autónomas pola instalación de parques eólicos (entre un 3 e un 6%), sendo, por tanto, a súa contribución ao desenvolvemento rural moi escasa en relación ao seu potencial.
Así, a diferencia entre o 1,18% que se recibe en Galicia e o 3% de mínimo que reciben os propietarios de montes noutras Comunidades Autónomas, representa máis de 20 millóns de euros anuais que poderían reverter no rural de Galicia.