O principal obxectivo é mellorar a mobilidade e recuperar o espazo público para a cidadanía. Búscase ademais crear unha imaxe de conxunto e integrada, onde a praza e o seu perímetro sexan parte dun todo. No novo espazo integraranse a rúa Ángel Urzaiz, a parte norte da Paradela e a Praza do Concello.
Estas actuacións implicarán a eliminación do tráfico rodado na zona, así como das barreiras arquitectónicas mediante a creación de plataformas únicas. Crearanse novos espazos verdes mediante a inserción de novas árbores na trama urbana e formularase a recuperación da auga coma un dos elementos fundamentais da nova praza.
Carmela Silva felicitou ao equipo de goberno de Gondomar por apostar decididamente por recuperar os espazos públicos para a xente, grazas ao que “este espazo vai permitir moitos usos”. “Vai ser de novo un lugar de encontro, de socialización, para poder facer teatro, música na rúa ou todas aquelas actividades que ás persoas nos permiten ser felices. Isto só o conseguimos en lugares que atraen á xente e non naqueles que expulsan á xente”, explicou.
A presidenta resaltou que en actuacións coma esta non importa o custe, “senón que o que cómpre ter en conta é o seu valor. Os pobos amables e humanizados teñen un enorme poder de atracción, mentres que os pobos degradados e deshumanizados, que expulsan ás persoas, hoxe en día non teñen futuro”.