O material repartido está composto tanto por contos didácticos para bebés como por cómics de aventuras ou libros de relatos, todos eles en galego, para comezar o ano dedicando estes pequenos intres ao mundo máxico da lectura.
A concelleira de Sanidade e Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, regalou este lote ao xefe de servizo do centro de saúde local, Carlos Pérez, e ao coordinador do servizo, Alfonso Porto, coa intención de seguir realizando entregas cando se precisen.
“Calquera recuncho ou momento é bo para fomentar a lectura e os bos hábitos. Un bo libro pode transmitir valores importantes ou contribuír favorablemente a desenvolver a creatividade da infancia e da mocidade”, asegurou a edil.
No centro de saúde de Ponteareas, ademais da atención dos 13 médicos de familia, contan con tres pediatras, dous odontólogos, unha farmacéutica, once enfermeiras xerais, tres enfermeiros de pediatría, unha traballadora social, dúas matronas, tres fisioterapeutas, dous hixienistas dentais, tres técnico auxiliar de enfermería, un celador, 5 PSX, dous auxiliares administrativos, un técnico de RX ademais dos oito médicos xerais, sete enfermeiros e catro celadores-PSX do PAC.
Este cadro de persoal repártese en horario de mañá, de tarde e urxencias nas áreas de medicina xeral, fisioterapia, RX, farmacia, odontoloxía e extraccións periféricas, entre outros servizos de apoio como as citoloxías, espirometrías, cirurxías menores, ecografías, MAPA ou TAO.