As obras, que comezarán a inicios de febreiro, permitirán mellorar a infraestructura do CEIP Humberto Juanes (21.564 €) Carlos Casares (17.210 €), Mallón (18.518 €) , Da Cruz (19.857 €) e As Dunas (2.827 €), todos eles centros cunha instalación obsoleta que precisa acondicionarse para o cumprimento da normativa sectorial. A renovación estará finalizada a mediados de marzo e se realizará fora do horario lectivo cando sexa preciso realizar cortes de luz ou traballos molestos para o normal desenvolvemento das clases.
«Trátase dunha demanda dos centros á que damos resposta dende o Concello sen recibir ningunha axuda da Xunta a cambio pese a ser Educación a súa competencia, é máis, dende o Concello case cuadriplicamos a partida a este fin, pasando de 11.000 € cando chegamos ao goberno en 2015 a 30.000 € actualmente», destaca o alcalde, Juan González.
O proxecto, redactado polo arquitecto Ángel Santorio cun orzamento base de 118.000 € (contempla 21.564 € de investimento no CEIP Humberto Juanes; 17.210 € no Carlos Casares; 18.518 € en Mallón; 19.857 € Da Cruz; e 2.827€ As Dunas) abrangue novos cadros de manobra, novas redes de distribución eléctrica dos edificios, a provisión dos grupos electróxenos e novas
redes de iluminación de emerxencia, adaptándoo á normativa vixente e reducir o seu custo de mantemento. Na maioría dos centros nin sequera se conserva o proxecto eléctrico da edificación ou este non se corresponde á realidade tras sucesivas reformas.