A continuación, farase unha xornada de reflexión con estas catro mulleres como protagonistas que, “de seguro, nos desvelarán moitas cuestións da moda do século XIX e principios do século XX”, en palabras da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que salientou que “o que queremos poñer en valor con esta iniciativa é a moda como elemento de expresión cultural e, ao mesmo tempo, a moda feminina de comezos do século XX como elemento democratizador da muller e de ruptura de clichés en torno ao corpo feminino”. Como exemplo, Silva mencionou os códigos de cores de sufraxistas ou a moda de Chanel.
Así mesmo, a presidenta quixo lembrar que a exposición ‘A moda en detalles: Indumentaria e complementos (1870-1925)’ é a primeira acción cultural complementaria que se está a desenvolver no castelo no marco das accións previstas para a posta en valor da musealización e potencial histórico e cultural do edificio.
Para iso, estanse a levar a cabo iniciativas relacionadas coas personaxes que viviron no castelo. No caso desta mostra, entronca coa época dos Marqueses de Armijo e María Vinyals. ‘A moda en detalles’, que recolle pezas únicas da historia da moda feminina de finais do XIX e comezos do XX, pódese ver no castelo de Soutomaior ata o vindeiro 24 de febreiro.