Silva quixo mostrar o orgullo da institución provincial polo seu traballo subliñando que “o Club Ciclista Rías Baixas leva o nome da nosa provincia alí onde participa e por iso cada vez que presentamos unha nova temporada este pazo provincial énchese de alegría”. Na mesma liña, a presidenta da Deputación afirmou que “estamos ante un club que é un orgullo para nós porque sempre acada grandes éxitos” e desexoulles sorte para “unha temporada ilusionante na que se conseguides gañar a Copa de España prometo que imos celebralo ao grande”.
No acto, Carmela Silva estivo acompañada polo plantel do Vigo-Rías Baixas e polo presidente do club, José Luis Chamorro, que tivo verbas de agradecemento cara a Deputación de Pontevedra resaltando que “con este novo Goberno sempre é un pracer vir aquí, xa que estamos moi agradecidos do voso apoio. Co convenio que temos asinado podemos medrar e seguir sendo un dos mellores equipos de España acadando éxitos coma os da pasada temporada, onde batemos o noso récord de vitorias”.
Durante a súa intervención, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén sinalou que “ao longo da historia o ciclismo deu moitos alegrías á nosa terra, levando o noso nome por toda España e por todo o mundo. É un deporte que sempre formou parte da nosa vida e por iso apoiar un club como o voso é unha obriga para unha administración pública como a Deputación de Pontevedra”. Amais engadiu que “promover o deporte e permitir que haxa equipos de elite en todas as disciplinas deportivas é unha das nosas liñas prioritarias”.
Tamén estivo presente no acto o novo mánager deportivo do Vigo-Rías Baixas, Gorka Beloki, que no terreo deportivo apuntou que “os nosos obxectivos prioritarios son a Copa de España, un título que necesita o ciclismo galego e que axudaría moito a seguir medrando, e relanzar aos nosos ciclistas cara ao profesionalismo”.
No remate do acto, Carmela Silva recoñeceu que para ela “os homes e mulleres que practican o ciclismo son verdadeiros heroes e heroínas, xa que é un deporte duro, que require moito sacrificio que amais, ao contrario doutros deportes de masas, ten moito menos apoio económico e dos medios de comunicación. Sodes uns cracks.”