Con este profesional, O Porriño contará cun total de 12 médicos xerais -6 na xornada de mañá e 6 de tarde- e 3 pediatras (un deles comparte a xornada co centro de saúde de Mos).
Este centro de saúde atende a unha poboación de 19.993 persoas, das que 2.976 son menores de 14 anos. Polo tanto, este servizo de atención primaria disporá de 12 médicos xerais para atender a 17.017 TIS (Tarxetas sanitarias individuais).
O feito de contar cun efectivo máis permitirá unha redistribución dos cupos entre todos os facultativos, para equilibrar as cargas de traballo e que o reparto sexa máis equitativo. De feito, cada cupo diminuirá en 130 pacientes, acadando unha ratio de 1.418 TIS por médico, o que mellora de xeito moi significativo a ratio previa (1.547) e a sitúa no entorno da media da área sanitaria. Isto permitirá mellorar as condicións laborais dos profesionais e, en consecuencia, a calidade asistencial ofertada aos pacientes.
O centro de saúde verá incrementada a súa superficie útil en preto de 700 metros cadrados. Así o confirmou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante a súa visita á instalación sanitaria do Porriño, o pasado 4 de xaneiro.
Este ano sairán a licitación o proxecto básico e de execución das obras, nas que a Consellería realizará un investimento de máis dun millón de euros.
Segundo explicou o titular da carteira sanitaria de Galicia, o plan funcional de espazos contempla un incremento de superficie tanto na área de urxencias (Punto de Atención Continuada), como na área médica e pediátrica, adaptándose así as necesidades asistenciais e de persoal actuais e futuras da vila.
Neste senso, e en base ao devandito plan funcional, a área médica incrementarase en preto de 190 metros cadrados útiles, contemplando unha nova a consulta de medicina de familia, outra de pediatría, unha sala de toma de mostras e unha consulta de matrona. Tamén contempla una sala de docencia e unha consulta de programa da muller.
O plan funcional de espazos inclúe unha área de fisioterapia de preto de 150 metros cadrados útiles, mentres que o PAC verá ampliado a súa superficie en preto de 130 metros cadrados útiles e dotarase con dúas novas consultas de medicina, un DUE e unha nova sala de observación, entre outros espazos.