Na súa inauguración, a alcaldesa de Mos, Nadia Arévalo, e a conselleira de Benestar, Sara Cebreiro, acompañaron ao presidente de Cogami, Anxo Queiruga, ao director do centro de Mos, Celso Álvarez, ao director da oficina Caixabank de Mos, Ricardo Otero, entidade financeira que apoia este programa, e tamén a Alejandro Figueroa , membro das Xuventudes Socialistas, organismo que tamén apoiará este proxecto coa venda de entradas da organización do V Festival Solidario que será o 9 de febreiro, ás 17.00 horas, no Multiusos As Pozas de Mos
“Aquí o que se trata é de poñer en valor as capacidades das persoas, que os espazos que temos non sexan centros permanentes, que a xente faga cada día a súa vida nun espazo”, apuntaba Anxo Queiruga. Engadiu tamén que a través deste tipo de proxectos “se trata de demostrar que se as persoas teñen uns apoios necesarios e recursos poden xestionar a súa vida, tomar as súas propias decisións”.
Baixo o nome de ‘Independízate’, Cogami bota a andar un proxecto co que se pretende mellorar a calidade de vida e, sobre todo a autonomía das persoas con discapacidade física. O obxectivo é adestrar a 15 persoas en habilidades para a vida autónoma, polo tanto, as persoas participantes terán a oportunidade de convivir nun espazo adaptado, tendo a disposición persoal de apoio que lles acompañará no seu proceso de aprendizaxe e adestramento. A súa posta en funcionamento será un recurso de vivenda tutelada para persoas con algún grao de dependencia e que precisen nun futuro deste tipo de servizo.
O equipo de profesionais está formado por dúas persoas coidadoras, unha traballadora social, unha terapeuta e unha pedagoga que terán como misión o acompañamento no desenvolvemento de obxectivos individuais que posibiliten a vida autónoma das persoas participantes, así como o acompañamento e apoio no desenvolvemento das actividades que se vaian organizando no proxecto.
Esta iniciativa vai dirixida tanto a persoas que contan con axuda dunha terceira persoa como tamén para as que non a teñen. Todas elas terán que realizar tarefas propias para desenvolverse de xeito o máis autónomo posible e traballar aspectos básicos da economía familiar, control de gastos, a xestión de compras, así como o aseo e coidado persoal, as tarefas de limpeza do fogar e o tempo de lecer ou esparexemento tanto dentro como fóra da vivenda. A convivencia implica tamén acudir a citas médicas ou facer calquera outra xestión administrativa. O proxecto contempla un servizo de acompañamento e transporte que lles facilitará estas tarefas.
Para a alcaldesa de Mos, Nadia Arévalo, este proxecto é “un exemplo de igualdade para todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades” e felicitou tanto ao presidente de Cogami como ao director do centro de Mos por “ter unha vivenda onde as persoas usuarias se senten totalmente integradas, onde poden ter a súa independencia total”.