En categoría masculina, as inscricións pecharanse o día 16 deste mesmo mes e os sorteos da primeira ronda terán lugar en Vigo e Pontevedra os días 21 e 22. Esta primeira eliminatoria poderá xogarse xa a finais deste mes. No caso da competición feminina os primeiros partidos disputaranse a mediados de marzo.
O formato de competición volverá a ser o mesmo que nas últimas edicións xogándose todas as eliminatorias a un único partido que se disputará no campo do equipo de menor categoría e resolvéndose os empates cunha tenda de penaltis. A presidenta tamén sinalou que “a final feminina xogarase en Vigo, no campo do Vao, e a masculina na Lomba, en Vilagarcía de Arousa, ambas a finais de maio”.
Ademais da competición en categoría sénior novamente haberá unha Copa Deputación 2019 para equipos de categorías base que comezará no mes de abril, cando terminen as competicións oficiais. Nela, tal e como resaltou Carmela Silva, “participarán, como nas anteriores edicións, máis de 1.000 equipos de nenos e nenas de toda a provincia”.
A organización da Copa Deputación 2019 ten un orzamento total de 120.000 euros, incluíndo tanto as competicións sénior masculina e feminina como a Copa Deputación de categorías base.
Na edición de 2018 participaron un total de 128 equipos, 15 en categoría feminina e 113 equipos de Terceira División, Preferente, Primeira, Segunda e Terceira Autonómica en categoría masculina. Nesta pasada edición os equipos gañadores foron o SCDA de Matamá e o CD Choco, que levantou o título por cuarta vez consecutiva.