Con esta achega Ponteareas vai contratar 4 auxiliares administrativos, 2 persoas técnicas de medio ambiente, 1 delineante, 4 oficiais, 1 monitora ou monitor, 1 persoa licenciada en Dereito, 1 persoa diplomada en Xestión e Administración Pública ou Grao en Administración Pública, 1 técnica ou técnico en educación infantil, 2 auxiliares de clínica, 1 axudante de cociña, 2 persoas de limpeza, 1 técnica ou técnico en turismo, 18 peóns, 3 albaneis e 1 persoa para fontanaría.
Coa aprobación desta partida para Ponteareas, a Deputación pecha as achegas para a Liña 3 de Emprego do Plan Concellos 2019, despois dunha primeira relación de concellos aprobada na Xunta de Goberno do 18 de xaneiro e unha segunda na Xunta de Goberno do 28 de xaneiro. En concreto, estas partidas permiten este ano a creación de 954 empregos nun total de 57 concellos da provincia. No Plan Concellos 2019, a través da Liña 3, póñense a disposición dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes algo máis de 9 millóns de euros. Nos catro anos de goberno de Carmela Silva, co Plan Concellos téñense creado en toda a provincia 5.792 postos de traballo para desempeñar diferentes tarefas municipais.