A integración da unidade estará operativa a finais do primeiro semestre deste ano coa modificación dos estatutos de Galaria así como coa aprobación do decreto polo que se aproba esta integración e no que se establecerá o traspaso de medios e a asunción de bens dereitos e obrigas que teñan orixe nesta unidade.
Segundo expresou o xerente do Sergas, “trátase dunha integración similar a levada a cabo no 2015 das unidades de Cirurxía cardíaca e Cardioloxía intervencionista no complexo vigués, unificando orgánica e funcionalmente os recursos e a experiencia dos profesionais para acadar un servizo único, aínda máis eficiente, e crear unha área de referencia no sur de Galicia”.
Galaria continuará prestando asistencia a través da Resonancia Móvil –realizan 17.000 resonancias anuais- que ademais tense reforzado o pasado ano cun terceiro equipo que da servizo aos hospital comarcais do Sergas.
Fin dun proceso
O proceso de integración da Unidade de Resonancia Magnética de Galaria levouse a cabo de xeito progresivo. En abril de 2002 constituíse un Área de Servizo Compartido de Diagnóstico por Imaxe do Complexo Hospitalario de Vigo.
A apertura do hospital Álvaro Cunqueiro deulle un impulso a este procedemento. A dotación de novos equipamentos tecnolóxicos -especialmente a nova resonancia de 3 Teslas, un TAC de 128 cortes e un mamógrafo de tomosíntese- propiciou esta integración, coa finalidade de mellorar a atención radiolóxica aos pacientes da área de Vigo.
Neste senso, aprobouse un Plan de Integración Funcional dos tres equipos fixos da unidade, un emprazado no Meixoeiro e outros dous no hospital Álvaro Cunqueiro, baixo a dependencia do servizo de Radiodiagnóstico do Chuvi. Este modelo permitía que os profesionais accedesen á realización das técnicas de resonancia magnética, independentemente da súa dependencia orgánica ou funcional.
En febreiro de 2018 deuse un paso máis na integración, incorporando un cambio organizativo na Unidade, a través dun sistema de traballo especializo por órganos e sistemas. Esta reorganización supuxo a posta en marcha das áreas de mama, anestesia, abdome, neuroradioloxía, tórax-cardiovascular, pediatría, columna e músculo esquelético. A partir deste momento, a coordinación das necesidades asistenciais e a xestión das axendas e da demanda deste servizo pasou a realizarse de xeito integrado.
No pasado mes de xuño aprobouse o Plan Operativo que marcaba os obxectivos, coa organización das axendas por áreas anatómicas, e determinaba as competencias dos distintos responsables da área. No marco deste novo modelo organizativo realizáronse 23.900 estudos de resonancias.
“Coa integración, trátase de dar o salto final para ofertar a mellor calidade asistencial posible aos usuarios e mellorar a utilización dos recursos do sistema sanitario público. Ademais, reportará beneficios para todos os especialistas posibilitándolles un maior desenvolvemento profesional” -asegurou o xerente do Sergas.
Mil estudos diarios
O servizo de Radioloxía realiza unha media de 1.000 estudos radiolóxicos diarios, dos que un 33 por cento son procedementos radiolóxicos complexos .
Os últimos datos revelan que anualmente efectúan 390.000 probas radiolóxicas, das que 51.000 son ecografías; 42.000 TCs (tomografía axial); 5.000 procedementos vascular-intervencionista; 10.000 estudos de mama; e 281.000 radioloxías simples, entre outras.
En canto aos recursos tecnolóxicos e humanos, no momento actual, o Complexo Hospitalario de Vigo dispón dun total de 57 salas de radioloxía -10 salas de radioloxía convencionais; 10 de radioloxía dixital; 2 de telemando; 3 salas de radioloxía intervencionista; 3 salas de radioloxía vascular; 18 ecógrafos, 6 equipos de TC- atendidas por 50 radiólogos, 78 técnicos de radioloxía, 17 profesionais de enfermería, 27 celadores e 6 auxiliares administrativos.
Isto lle sitúa como un dos servizos máis potentes a nivel nacional, tanto polo dimensionamento dos seus recursos humanos como polo volume de actividade realizada. Ademais, os profesionais desta especificidade gozan de gran prestixio a nivel da comunidade científica nacional e internacional.