En declaracións posteriores ao encontro, Caballero recordou que xa está en contacto co Goberno de España para conseguir a entrada da alta tensión soterrada a Vigo e á factoría de Balaídos, o que suporía unha rebaixa «importantísima» na súa factura eléctrica. O alcalde confía en comezar a trasladar as conversas ao papel coa Secretaría de Estado de Enerxía para que a demanda sexa unha realidade «en meses».
En segundo lugar, referiuse á ampliación do ámbito industrial da planta de PSA, que irá da man da Zona Franca, e para a que se empregarán «todos os instrumentos urbanísticos posibles». Así, Caballero aseverou que «non imos agardar» polo novo Plan Xeral e adiantou a solicitude da aplicación da Lei 3/2016, coñecida como ‘lei Vigo’, para acadar máis espazo para a industria da automoción viguesa e recuperar o ordenamento debullado no PXOM anterior.
«E non descartamos ampliar os ámbitos de solo industrial en Vigo», abondou o alcalde. «Creo que é moi bo que a industria da automoción estea emprazada o máis preto posible da súa cabeza tractora -en referencia a PSA- e o sitio máis próximo é Vigo. Esa é a instrución que ten Urbanismo, os redactores do Plan e o que veño de propor á Zona Franca e a Citroën».
Contratación e desprazamentos
Ademais, Concello e PSA estudaron dúas posibles opcións de mellora no relativo ao transporte colectivo, á proposta da empresa. En primeiro lugar, e xa comprometido polo alcalde, Balaídos contará con lanzadeiras de autobús ás entradas e saídas das súas distintas quendas: «Ímolo facer», certificou Caballero, quen recordou que o mesmo servizo anunciara o día anterior para os traballadores do hospital Álvaro Cunqueiro.
En segundo lugar, o goberno de Vigo vai estudar a opción de que algunha liña do Vitrasa pase por diante da fábrica, aínda que o alcalde apuntou que varias xa pasan polas proximidades da avenida.
Finalmente, Caballero e Bueno acordaron que o Concello continúe prestando apoio económico á contratación de traballadores en formación na planta de Balaídos. Os primeiros anos dos empregados na empresa son de menor produtividade e o respaldo municipal, anotou o primeiro edil, fai que o conxunto da operación non diminúa a produtividade da factoría.