Máis polo miúdo a presidenta explicou que esta dobre iniciativa “nos sitúa como unha administración do século XXI, á vangarda das novas tecnoloxías”, e engadiu que “non hai ningunha outra administración en Galicia que tanto estea a facer por dar visibilidade ao patrimonio e ao orgullo de vivir nunha grande provincia, cunha gran historia e cultura”.
Carmela Silva explicou que no marco da campaña “Fame de experiencias” esta primeira acción ten por obxectivo “que todo o mundo coñeza as experiencias que se poden vivir ao visitar os nosos mosteiros. Experiencias espirituais e históricas, pero tamén relacionadas coa paisaxe, con lugares espectaculares, no interior e ao carón do mar, e con lendas que nos trasladan a un mundo máxico”. Para conseguir este obxectivo, a Deputación de Pontevedra vén de publicar a nova guía “Mosteiros das Rías Baixas”, cunha tirada de 2.000 exemplares en galego, castelán e inglés, que se complementa coas novas visitas virtuais con gafas VR (realidade virtual) tamén aos mosteiros da provincia. Neste eido, a presidenta provincial recordou que “no mundo británico hai máis de catro millóns de persoas que se moven polo mundo para ver pedras e nós queremos dirixirnos a esta xente, para que veña coñecer o noso patrimonio e as experiencias que aquí se poden vivir”.
Na guía “Mosteiros das Rías Baixas” recóllese información sobre a historia, estrutura de construción, modo de vida, oficios, lendas e actividade económica dos seis conxuntos relixiosos máis importantes da provincia: Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro en Silleda, de finais do século X; Mosteiro de Santa María de Aciveiro en Forcarei, de 1135; Mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis, de mediados do século XII; Mosteiro de San Xoán de Poio, do ano 942; Mosteiro De San Salvador ou San Benito de Lérez, en Pontevedra, de finais do século X e Mosteiro de Santa María de Oia, principios do século X.
A guía, que se cederá en préstamo nos mosteiros e se poderá adquirir no Castelo de Soutomaior ou a través da plataforma de venda online castelodesoutomaior.com, presenta lendas como as da Ponte do Demo do Mosteiro de Carboeiro, Ero de Armenteira ou o oso de Oseira e historias como as loitas contra a piratería no mosteiro de Oia, as neveiras do Candán, o aceite milagreiro de San Benitiño ou as recollidas na biblioteca do Mosteiro de Poio. “En definitiva, estou segura que todas estas experiencias relacionadas coas lendas, coa historia, coa paisaxe e coa maxia da provincia de Pontevedra van espertar moita fame, moita fame por vir a Pontevedra e vivilas aquí”, asegurou a presidenta.
Xunto á guía “Mosteiros das Rías Baixas”, o goberno de Carmela Silva tamén vén de poñer en marcha unha visita virtual que se pode realizar a través da web turismoriasbaixas.com co apoio dunhas gafas de VR. As gafas estarán a disposición da cidadanía, de xeito totalmente gratuíto, nas oficinas do Palacete, do aeroporto de Peinador, do Mosteiro de Armenteira e tamén dos Mosteiros de Carboeiro, Aciveiro, Poio, San Benitiño e Oia. Para a visita virtual “o único necesario –asegurou a presidenta- é un teléfono móbil, co que descargar un código QR ou ben visitar a web turismoriasbaixas.com, seleccionar o modo VR e introducir o móbil nas gafas. Despois achegarnos ás gafas e facer a visita virtual, un verdadeiro percorrido polo Mosteiro de Armenteira e de Carboeiro nestes momentos, porque a idea e ampliar a visita nos vindeiros meses aos demais”.
A través desta actuación, tal e como destacou Carmela Silva, ponse de manifesto que “somos unha administración comprometida co noso patrimonio e que quere dalo a coñecer de xeito moderno, innovador, para animar á xente que está fóra a vivir as experiencias da visita a mosteiros únicos no mundo”. Tamén destacou a presidenta que “somos unha administración que goberna para a xente e queremos que este patrimonio que temos chegue a todas as persoas. Sabemos que hai persoas que teñen dificultades para acceder a estes recintos históricos, por problemas de accesibilidade, e nos parece inxusto que non poidan gozar deles. Por iso agora, a través da realidade virtual, esas persoas con dificultades van poder entrar nos mosteiros”.