O novo folleto, en formato trilingüe -galego, castelán e inglés-, recolle un mapa cos elementos máis singulares do legado xudeu en Tui: a Porta da Pía, a Sinagoga, a Casa dos Capeláns, a Porta da Torre, a Casa de Salomón, o Cárcere capitular, as Cruces en Pedra, a Menorá da Catedral e os “Sambenitos”. Conta ademais con información histórica sobre estes elementos.
Outro dos puntos que pon en valor no folleto é a aplicación móbil turismotui.mobi, que a través de códigos QR, incluídos na sinalización do conxunto monumental, permite a realización de rutas guiadas, así como ampliar a información sobre cada punto de interese.
Deste novo folleto fíxose unha primeira edición de 15.000 exemplares, que están xa dispoñibles para os interesados na casa consistorial.