Durante ese test, o vehículo, que percorrera a liña circular C1 entre Praza de América e Policarpo Sanz, será de balde para todos os usuarios. Aptis, que recibiu o premio á innovación na feira Busworld 2017, é o primeiro autobús deseñado dende a súa orixe como vehículo eléctrico e incorpora innovadoras solucións na materia de accesibilidade, comodidade a bordo, eficiencia enerxética, mantemento e integración urbana.
O vehículo conta con capacidade para 100 persoas (inclúe 4 PMR e dúas zonas para cadeiras de rodas) e autonomía de ata 250 quilómetros. Ademais, adáptase a contornas urbanas grazas as súas catro rodas directrices, que minimizan o radio de xiro (25% menos que un autobús convencional) e melloran as manobras de parada.
Mediante esta tecnoloxía, e ao sistema de asistencia en parada, o vehículo pode aliñarse perfectamente coa beirarrúa, mellorando a accesibilidade e o fluxo de entrada e saída de pasaxeiros. Tamén se reduce o tempo de parada, contribuíndo a alixeirar o tráfico no centro urbano.
Ao ser 100% eléctrico, as viaxes son respectuosas coas cidades onde opera, sen emisións de gases nin partículas, e cun mínimo nivel de ruído. Aptis pódese recargar nas cocheiras durante a noite ou de xeito diúrno ao final de cada liña. A carga rápida (diúrna) realízase a través dun pantógrafo invertido ou mediante un innovador sistema de carga estática dende o chan desenvolto por Alstom.
“É un novo concepto de autobús urbano, concibido para ofrecer ás cidades unha alternativa de transporte sustentable e universal de altas prestacións. Baseado na experiencia de Alstom en tracción eléctrica e sistemas de transporte, Aptis ofrece características novidosas, mellorando a experiencia do pasaxeiro, a accesibilidade e a operación”, destacou Jaime Borrell, director de Desenvolvemento de Negocio de Alstom España, na presentación celebrada este venres, na que tamén estivo presente o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
As probas nos talleres de Vitrasa en Vigo, así como en condicións reais de operación, están deseñadas para avaliar as características específicas de Aptis en diferentes contornas urbanas, o seu sistema de carga, a súa autonomía e a súa integración no tráfico. Xa se realizaron ensaios similares en Madrid e Barcelona, así como en diferentes cidades de Francia, Bélxica, Holanda e Alemaña.