A paralización da exportación de madeira de piñeiro ao país veciño desde a zona demarcada iniciouse o pasado 12 de febreiro, a raíz dunha comunicación por escrito que a Consellería do Medio Rural lle trasladou ás empresas forestais, informándoas de que, “de momento”, as autorizacións de transporte da madeira con destino a Portugal quedaban suspendidas. Medio Rural sinalaba na mesma comunicación que está pendente dun acordo ao que se ten previsto chegar coas autoridades de Portugal.
O bloqueo das vendas, que nunca se producira na anterior zona demarcada das Neves (2010-2019), preocupa ás comunidades de montes veciñais e ós propietarios particulares, pois no sur de Pontevedra, a gran maioría da madeira de piñeiro destinada a trituración vendíase ata agora á factoría de Europac (Viana do Castelo), unha empresa que paga por esa madeira prezos superiores ó resto de posibles compradores.
A imposibilidade actual de enviar piñeiro a Portugal representa, por tanto, un risco claro de serias perdas para as comunidades de montes. Tamén parte da madeira de piñeiro para serra se estaba a comercializar co país veciño, polo que as comunidades demandan unha aclaración e o desbloqueo das exportacións o máis áxil posible.
Programa de apoio á silvicultura
Outro dos asuntos abordados o pasado sábado no encontro da Asociación Forestal de Galicia coas comunidades de montes do Baixo Miño foi a necesidade dun programa de apoio á silvicultura. Para conter a praga do nematodo do piñeiro, unha das prioridades pasa pola eliminación dos pés sintomáticos e decaídos do monte.
A vixilancia e control sanitario que as comunidades de montes poidan executar nos seus terreos é, por tanto, un asunto fundamental para frear a expansión do nematodo do piñeiro. A Asociación Forestal de Galicia demanda un plan de apoio á silvicultura na zona demarcada polo nematodo, de xeito que as comunidades de montes poidan enfrontar ó aumento de custos que xera a praga na xestión das súas masas.
A maiores da eliminación de pés secos ou sintomáticos, as comunidades teñen que executar a trituración dos restos de cortas e podas ata diámetros inferiores a 3 centímetros. Ese diámetro obriga a utilizar trituradoras de martelos, que encarecen o custo dos traballos de trituración a máis do dobre, en relación a unha trituradora de cadeas.
Tamén se fai preciso un plan de apoio ás empresas forestais e industrias de transformación da madeira situadas na zona demarcada. Outro asunto do que se queixan as comunidades de montes é da falta de información sobre a praga por parte da Administración.
Nova reunión informativa en Vigo
Desde a Asociación Forestal de Galicia continuarase este venres 22 en Vigo coas reunións informativas para explicar as medidas que se están a adoptar para frear o avance da praga e para abordar as consultas e inquedanzas de comunidades de montes e propietarios particulares.
O encontro deste venres será ás 19.30 horas no local social da comunidade de montes veciñais de Coruxo (Subida San Sebastián, n.º 23. Fragoselo – Coruxo, Vigo).