Alféizar, banda coñecida pola súa singular posta en escena, é un grupo formado por Beni Gago e Gonzo Alonso que desenvolven un estilo de música propio inclasificable. Precisamente a súa popularidade medrou nos últimos anos pola singularidade das súas pezas e ‘performances’.
Os actos do Entroido de Nigrán arrancarán o venres 1 de marzo co desfile escolar dende as 12:00 horas polo centro da vila (colexio Humberto Juanes e A Galiña Azul). Ao día seguinte será o xa tamén tradicional carnaval surfeiro de Patos Surf Club dende ás 11.00 horas nesta praia (o requisito imprescindible é meterse na auga disfrazado).
O luns 4 chegará o entroido infantil ao Auditorio dende as 17:30 horas e ao día seguinte, martes 5 de marzo, pola mañá terá lugar o concurso de Entroido que cada ano realizan conxuntamente os centros de día do Val Miñor e xa pola tarde (dende as 19:00 horas) realizarase un baile con música en directo, un fotomatón e merenda a base de doces típicos da época.
O sábado 9 será o xa mencionado concurso de comparsas e o domingo día 10 o Concello organiza por segundo ano consecutivo a excursión de maiores a Cuntis para festexar a ‘Festa do Lacón’ (será preciso inscrición previa).
O entroido finaliza o sábado 16 de marzo co tradicional enterro do Kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello ás 18.00 horas tirado por un carro de bois para ser velado dende as 19:00 horas no Torreiro de Parada, actos que rematarán coa súa queima e o concerto do grupo Azar.