O programa do Entroido arranca o venres 1 de marzo ás 18.00 horas coa animación do grupo ‘Futurismo galáctico’ por distintas zonas da cidade. Ás 20.00 horas entronizarase o Meco na Porta do Sol, onde comezará o concerto de Chenoa ás 20.30 horas. O día seguinte, a animación iniciarase ás 17.00 horas como antesala do desfile de comparsas e carrozas, que sairá ás 18.00 horas na rotonda de Isaac Peral cara a Porta do Sol, pasando por García Barbón e Policarpo Sanz. Ás 22.30 horas será cando a música de Sidecars soe no escenario situado preto do Sireno.
As actividades deportivas comezarán o domingo coa V Carreira Popular do Entroido Concello de Vigo. Ás 10.00 horas será a quenda infantil, na rúa Príncipe, e ás 11.00 comezarán as modalidades absolutas co seguinte percorrido: Porta do Sol, Elduayen, Paseo de Alfonso XII, Pi i Margall, López Mora, Camelias, Romil, Cachamuíña, Ronda don Bosco, Progreso, Doutor Cadaval e Porta do Sol. Pola tarde volverá a animación de rúa, con charangas por diferentes rúas da cidade, ao tempo que na Porta do Sol os máis pequenos presenciarán a actuación de “Abordaje Pirata”. Ao rematar, terán a oportunidade de gozar dunha chocolatada.
Os nenos e nenas volverán ser protagonistas o luns, con obradoiros infantís e outra chocolatada na Porta do Sol, a partir das 17.00 e 18.00 horas, respectivamente. O tradicional concurso de disfraces será o martes 6 de marzo, diante do Marco, e contará con animación musical. Para a categoría infantil -ata 13 anos- (individual e grupo conxuntado), o horario de inscripción será de 16.30 a 17.30 horas. Os aspirantes na categoría xeral -a partir de 14 anos– terán que inscribirse logo das 18.30 horas. Ás 21.30 horas, antes dos concertos, chegará o momento de queimar o Meco.
O Entroido 2019 rematará o mércores 6 de marzo coas exequias funerarias solemnes das comparsas e o acompañamento e dó da comitiva que sairá da Porta do Sol cara Príncipe, para pasar polas rúas Colón e Policarpo Sanz para voltar á Porta do Sol onde terá lugar o sepelio do Meco cos seus correspondentes oficios laicos -responsos e sermóns incluídos-. Para rematar, farase lectura da acta do xurado do concurso de comparsas e carrozas e procederase á entrega de premios.