Na presentación este venres da candidatura na cidade olívica, -a primeira que realiza o Bloque en todo o país-, Vence subliñou o traballo feito pola formación nacionalista. «Moitas das realizacións da cidade levan o selo do BNG», tanto desde o goberno como desde a oposición, «como motor das reivindicacións da cidadanía» e, de cara ás eleccións de maio, presenta unha candidatura «renovada e ilusionada» encabezada por Serafín Otero, «un loitador contra as políticas de recortes do PP».
O BNG apunta que Vigo precisa dunha alternativa nacionalista «para facer fronte tanto ás políticas da dereita como a un goberno local que finalmente traballa na mesma dirección pactando co PP». «É unha candidatura modélica co obxectivo de recuperar Vigo como motor económico, capaz de crear emprego, con servizos públicos de calidade, -como a sanidade-, e que se empeñará en combater a exclusión social», sintetizou Vence.
«Na rúa defendemos a sanidade pública, o naval, a pesca, o comercio local, estamos ao lado da xente. O que pretendemos facer, como ata agora, e levar esas demandas con propostas e traballo ao concello», recalcou, tras valorar o labor «inxente» do ata agora equipo municipal do BNG.
O cabeza de lista, Serafín Otero, fixo fincapé en que Vigo «non pode volver perder catro anos» cun alcalde «sen proxecto, pendente da foto e do titular, soberbio e incapaz de escoitar a ninguén». «Propoñemos máis e mellores servizos públicos», recalcou, «e non partimos de cero, senón que temos unha experiencia de traballo con propostas para a cidade».
«Indignación social»
Otero quere que a «indignación social» se escoite nos plenos municipais. «Os problemas da xente por diante», dixo, argumentando que o modelo de cidade ten que ir máis aló «da loseta e do maceteiro». «Facer transparentes as paredes dos despachos, sen negocietes», tras asegurar que é necesario loitar contra o desmantelamento dos servizos públicos, dos sectores produtivos como a pesca e o naval claves en Vigo, contra o retroceso dos dereitos e liberdades e para darlle futuro a mocidade.
Victoria Otero, número dous da lista nacionalista, fixo a presentación da candidatura BNG-Asembleas Abertas salientando a diversidade dos homes e mulleres que a integran pero unidos «pola loita contra as desigualdades e a prol do benestar colectivo». «O nacionalismo é importante nesta etapa para buscar solucións autocentradas na nosa realidade», concluíu.