“Facemos un chamamento aos veciños de Camos para que indaguen entre as súas familias para ver se conseguimos poñerlle nome a esta muller”, sinalou o alcalde, Juan González, quen recordou que, precisamente, a exposición supón o inicio dos actos do Concello de Nigrán polo 8-M.
Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington.
Nesta mostra préstase especial atención á comarca con imaxes de Baiona ou Vigo. A exposición, de entrada libre e de balde, poderase visitar ata 31 de marzo de luns a venres en horario de 11.00 a 13.00 horas e xoves, venres e sábados, de 17.00 a 20.00 horas.