Segundo explicou o galardoado coa Camelia de Ouro, López Redondo, a colección presentada na LV Mostra é unha variedade “moi boa” de especies puras de China e de Vietnam, con flores amarelas que chamaron moito a atención da xente. “Hai distintas especies e híbridos das mesmas de cor ‘mantequilla’. Era un variado bo, con olorosas, reticulatas de flor moi grande, williamsii, japónicas, un pouco de todo, incluso ‘camelias figo’ do Xapón, para que as vexa a xente”, dixo.
O cultivador, un entusiasta das camelias que leva plantando flor dende os sete anos (máis de 35), leva participando nos concursos dende o 2003 é xa tamén un veterano gañador de premios Camelia de Ouro, xa que recibiu o galardón en outras tres ocasións. “Eu non miro as veces. Eu miro de colocar unha mesa bonita e de poñer o nombre a todas as plantas, para que a xente aprenda as plantas e se busca algunha en concreto que a atope”, asegura.
A entrega de premios foi presidida pola presidenta da Deputación Carmela Silva e a deputada de Areeiro Eva Vilaverde, ademais de participada polos membros do xurado que decidiu os galardóns: un representante do Concello de Vigo, o técnico de Parques e Xardíns Gilberto Moldes; un representante do Concello de Vilagarcía, o técnico Luis Mario Vázquez; unha representante da Deputación de Pontevedra, Ángeles Barros; un técnico especialista en deseño artístico, Antón Sobral; a viveirista María Soledad Rodríguez Ozores, socia de viveiros Río Tollo; un membro da Sociedad Española da Camelia, Javier Botas Piñón, e a gañadora da Camelia de Ouro da LIV edición, Begoña Franco.
Na súa intervención tanto Carmela Silva como Eva Vilaverde parabenizaron aos gañadores e enxalzaron a camelia como “a flor da provincia que xa forma parte do noso entorno e que atopamos en xardíns públicos, privados, en pazos e case en cada esquina”, dixo Silva. Subliñou que na Deputación “non só traballamos pola investigación, polas novas especies ou por apoiar a aquelas entidades que apostan por ela. Temos posto en marcha moitas actividades que teñen a camelia como elemento catalizador para a atracción do turismo, coas visitas e rutas naqueles lugares, como o Castelo de Soutomaior, que teñen algúns dos mellores exemplares do mundo“. Silva rematou a súa intervención agradecendo o evento de exaltación da camelia “que permite que a nosa provincia sexa unha referencia“ e desexou sorte a todas e todos que presentan as súas flores no certame. “Todas elas son merecedores do premio, aínda que en calquera caso que saiban que xa teñen o agradecemento e o corazón desta Deputación”.
Pola súa banda, a deputada responsable de Areeiro e da organización da Mostra, Eva Vilaverde, insistiu na beleza da flor que propicia a celebración do Concurso Exposición Internacional e lembrou que as persoas cultivadoras son as verdadeiras protagonistas do evento. Destacou a grande participación nesta edición e subliñou o interese dos participantes por sorprender coas súas composicións de diferentes especies e cultivares. “Cando vemos estas flores, vemos a paixón e o esforzo que as persoas participantes poñen no cultivo e na montaxe das mesas, amosando pezas realmente espectaculares”.
Outros premios
Aos dous premios xa mencionados, hai que engadirlle o Premio Especial da Sociedade Española da Camelia, que foi para Adela Abilleira (Xeve); o Premio á Mellor Presentación Artística, o primeiro para María Teresa Fernández (Lugo) e o segundo para Antonio Montes (Tui). Aos mellores lotes foron , na categoría de Camellia Reticulata, o primeiro para Carmen Moldes e Juan Castro (Vilanova), o segundo para Pilar Bargiela ( Porriño), e o terceiro para Abelardo Barcala (Rubiáns); en Híbridos de Camelia para Pilar Bargiela (Porriño), o segundo para Clara Abalo (Rois) e o terceiro para Rosa Crespo e Jaime Escofet (Valga); en Camellia Japonica Branca para Abelardo Barcala (Rubiáns) e para Edmundo Novoa (Lugo); en Camellia Japonica Vermella para Cuca Rozas (Rianxo) e Olga Castelo (Vilanova); Camellia Japonica Rosada, para Carmen Costas (Vigo) e Elena Valcárcel (Salceda) ;en Camellia Japonica xaspeada ou variegata o primeiro para Carmen Corral e o segundo para Elena Valcárcel (Salceda); en outras especies de camelia o primeiro premio foi para José Monteagudo (Cuntis), o segundo para José Freire (Padrón), e o terceiro para Manuela Couso (Cuntis).
Charlas técnicas
O enfoque técnico e as posibilidades de cultivo da camelia no monte foron outros dos protagonistas das xornadas de hoxe. O presidente da Agrupación Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, manifestou que a camelia pode ser un cultivo a ter en conta para os que defenden que as comunidades de montes deben sobrevivir con montes sustentables e multifuncionais.
“A idea é que hoxe os comuneiros e comuneiras coñezan os posibles cultivos da camelia e os teñan en conta. Hai que lembrar que o monte galego é o que máis madeira produce, pero sen valor engadido porque é madeira de moi baixa calidade. Por iso precisamos madeira de calidade orientada á transformación, como a industria do moble… E a camelia tamén permite certo aproveitamento do monte que é a de crear áreas de lecer e esparcimento”, asegurou Pereira.
Xardíns da provincia
Finalmente, na presentación do libro sobre os xardíns de camelia da provincia de Pontevedra, un dos seus autores, o enxeñeiro de Montes e Medio Natural Gaspar Bernárdez, quen salientou que na maior parte dos xardíns existe unha boa representación de árbores senlleira e tamén de camela. “A premisa deste libro é que dentro do rigor técnico, sexa doado de ler para todos os públicos”, dixo, explicando que ten tamén fichas específicas para as persoas máis entendidas.
“O libro propón un paseo por 20 xardíns da provincia, que como o resto de xardíns galegos, non teñen un só patrón, senón que se inspiran en diferentes estilos, como o barroco francés, italiano ou no paisaxismo inglés. A viaxe por estes xardíns é tamén unha viaxe a través do tempo”, finalizou.