O futuro centro de saúde incluirá, na súa carteira de servizos, medicina de familia, zona de enfermería, área de pediatría con telemedicina, sala de técnicas de cirurxía menor e sala de técnicas de alta resolución de enfermería e ecografía. Tamén se prevé unha consulta para traballo social, para a matrona, ademais de fisioterapia e área de hospitalización a domicilio.
Así mesmo, Sanidade informou ao concello que esta dotación do novo centro de saúde está enmarcada no Plan de necesidades de Atención Primaria de Cangas-Moaña, cunha visión supramunicipal e que permitirá que os municipios desta zona dispoñan de maiores coberturas e servizos. Este plan, que beneficiará a máis de 45.000 habitantes e que contará cun investimento total de 11,2 millóns de euros, ampliará os servizos tanto en horario como en prestacións. Así, ademais do centro de saúde de Moaña, o Plan prevé a construción do Centro Integral de Saúde Cangas-Moaña, e tamén inclúe actuacións de mantemento e mellora en dispositivos existentes como son os de Aldán, Hío e Domaio.
Cómpre sinalar que, no marco do desenvolvemento deste Plan, a poboación contará cunha mellora nas prestación de servizos ao contar cun Punto de Atención Continuada cun horario continuado de 24 horas. A dotación do PAC será dun mínimo de dous equipos de medicina e enfermería, e incluirá prestacións de alta resolución como radiodiagnóstico e servizo de laboratorio de análise clínica.
Así mesmo, a ubicación do PAC no CIS Cangas-Moaña permitirá cubrir a todas as poboacións nun rango temporal inferior a 30 minutos, e dispoñer de fácil acceso ás vías de transporte para facilitar a conexións coas urxencias hospitalarias de Vigo.