A comarca de Vigo acadou unha ocupación hoteleira media do 87%, moi superior á do ano pasado, segundo informou a presidenta provincial. Neste eido, Silva destacou que a cidade de Vigo mantivo un 87% de xoves a domingo chegando ao 95% durante os días de maior afluencia, de xoves a sábado. Os resultados de ocupación hoteleira da cidade de Vigo na Semana Santa veñen sumarse aos conseguidos xa no pasado mes de marzo, cunha elevada contratación de noites.
De feito, tal e como enxalzou a presidenta, as contratacións medraron un 13% en Vigo mentres que en Galicia, que rexistrou unha caída catro veces maior que a da media nacional, caeron un 7,2%. Nos tres primeiros meses do ano Vigo rexistrou, segundo os datos recompilados polo INE, os mellores resultados dende que hai rexistros (ano 2005).
Deste xeito, de xaneiro a marzo a cidade acadou 166.658 pernoctacións que supoñen 21.000 máis que as sumadas no mesmo período do ano 2018. Amais, neste primeiro trimestre de ano chegaron a Vigo 73.343 persoas das cales 56.317 eran españolas e 17.026 procedentes do estranxeiro.
En canto ás outras comarcas, O Morrazo superou o 78% de ocupación hoteleira, 24 puntos por riba do esperado e ata 19 puntos máis que o alcanzado no 2018, o Baixo Miño tivo unha ocupación hoteleira do 77% e nas comarcas do Condado e A Paradanta establecementos como o Balneario de Mondariz chegaron ao 93%.
Perfil das persoas turistas
Un 83% das persoas que visitaron a provincia eran españolas, procedentes de Madrid, Vizcaya, Cantabria e Asturias. As estranxeiras, que supoñen o 17%, procedían de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Reino Unido e Italia.
O 54% das persoas que se achegaron ás oficinas de turismo da provincia tiña entre 35 e 60 anos e o 52% aloxáronse en hoteis entre 4 e 6 días maioritariamente. Tamén son maioría as persoas que citan ao ocio e á cultura como os aspectos motivadores para a visita á provincia. Amais, o 68% non tiña visitado o destino con anterioridade, “co que seguimos a atraer visitantes que nunca antes estiveran na provincia”.