A convocatoria do premio chega xa á súa terceira edición e está dirixida a fomentar e cultivar os hábitos de investigación no mencionado nivel asistencial. ‘Efectividade dunha intervención educativa sobre violencia de xénero en centros de atención primaria da área de Vigo’ é o título do proxecto gañador que asinaron os facultativos residentes Beatriz Pérez, María Dorrego, Pedro José Otero e Laura Otero Gómez, dos centros de saúde de Coruxo, Porriño e Sárdoma.
A organización e o xurado consideraron que, nesta edición, en lugar dun segundo premio outorgásense catro accésits. Todos eles, do mesmo xeito que o primeiro premio, están relacionados, ademais de con aspectos asistenciais, con asuntos de especial interese social: violencia de xénero, adicción a Internet, tabaquismo e envellecemento da poboación.
Así, un dos accésits foi para as enfermeiras Sara Macías e Nadia Rodríguez, dos centros de saúde Pintor Colmeiro e Val Miñor, polo proxecto de ‘Taller grupal de deshabituación tabáquica combinado con actividade física’. Outro accésit obtívoo o traballo ‘Detección precoz e consello breve para o uso problemático da Internet en adolescentes da área sanitaria de Vigo’, asinado pola enfermeira Marta Baz, do centro de saúde de Teis.
Os outros dous accésits tiveron o denominador común do envellecemento poboacional, enfocado desde diferentes prismas. ‘Valoración xeriátrica integral co instrumento MAGIC modificado e calidade de vida en anciáns: ten influencia a orde de administración dos cuestionarios?’, subscrito pola enfermeira residente do centro de saúde Pintor Colmeiro Maika Pallas, foi un deles. E o outro estivo subscrito polo de persoal sanitario (médicos e enfermería) do centro de saúde Val Miñor integrado por María Isabel Carril, Goretti Fernández, Silvia Portela e Nadia Rodríguez, co título ‘Efectividade dunha intervención grupal complexa en persoas de 50 a 69 anos con ou sen queixas subxectivas de memoria en atención primaria’.
En edicións anteriores dos premios subvencionábase con 1.000 euros aos vencedores para que puidesen asistir e expoñer o seu traballo na reunión anual da Rede Europea de Investigación en Atención Primaria. Ao celebrarse este ano dita reunión en Vigo, a axuda estará destinada a que os premiados colaboren na organización do devandito evento.