Nesta edición foron un total de 41 os relatos presentados por nenas e nenos de entre 10 e 12 anos da Guarda, Tomiño, O Rosal, Oia, Tui, Salvaterra e Santiago de Compostela. Todos eles demostraron unha gran imaxinación á hora de abordar a temática do certame, -os homes e mulleres do mar-, e non llo puxeron nada fácil aos membros do xurado, formado nesta ocasión polos escritores Raquel Castro, Manrique Fernández e Diego Giráldez.
O texto gañador empeza coa misteriosa desaparición dos bancos de peixe espada, continúa cunha alegación contra o lixo mariño, concretamente a que provoca o plástico, e termina co pobo da Guarda mobilizándose para combater este problema.
Novidades deste ano
Este ano, o certame ampliou o seu nome para incorporar o do poeta e profesor ourensán Xosé Carlos Gómez Alfaro, falecido en 2008, que desde 1978 exerceu a súa actividade docente na Guarda, no colexio dos Pais Somascos. Varias xeracións de guardeses estudaron con Gómez Alfaro e gardan un recordo indeleble dos seus ensinos, o seu amor pola poesía, o seu coñecemento dos autores galegos e a súa devoción pola Guarda, a súa segunda “matria”, como adoitaba dicir e escribir.
Ao acto de entrega de galardóns, que terá lugar o próximo día 1 de xuño, asistirá, ademais de representantes de Orpagu, da Editorial Galaxia e os membros do xurado, a viúva de Xosé Carlos Gómez Alfaro.