A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola parte galega e o Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF) pola portuguesa colaboran un ano máis nesta iniciativa de repoboación, que se encadra dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza Migramiño, liderado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e que busca a protección e conservación dos peixes migradores no tramo internacional do Miño e nos seus afluentes.
A solta de salmóns realizouse desde a Comandancia Naval de Tui e durante o proceso, os técnicos de Patrimonio Natural e os seus socios portugueses contaron coa colaboración das armadas de ambos países e dun grupo de escolares pertencentes a colexios de Tui e da localidade veciña de Valença do Minho.
En 2019 celébrase o Ano Internacional do Salmón, polo que nesta ocasión os socios do proxecto Migramiño consideraron axeitado abrir a actividade, por primeira vez, á participación dun grupo de nenos galegos e portugueses. Segundo explicou a directora xeral, involucrar ás novas xeracións de ambos lados da fronteira no coidado e no coñecemento dos recursos piscícolas é unha boa maneira de asegurar a sustentabilidade do río e do seu hábitat, polo que se amosou moi satisfeita coa participación infantil na solta deste ano e co seu nivel de interese e implicación.
Os preto de 7.000 xuvenís que se soltaron esta mañá son fillos de salmóns reprodutores capturados na presa de Frieira, o primeiro obstáculo infranqueable co que se atopan os peixes migradores no Miño. Por esta razón, os exemplares recollidos trasládanse en outono á Piscifactoría de Carballedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade, onde se reproducen artificialmente. A súa descendencia críase en catividade ata que chegan as diferentes épocas de solta: verán, outono ou, coma neste caso, primavera.
Cómpre lembrar que o obxectivo deste tipo de prácticas é reforzar a poboación actual de salmóns no río Miño e favorecer deste xeito o seu desenvolvemento natural cara ao futuro.
Programa de recuperación desde 1990
O río Miño representa na actualidade o límite da distribución sur do salmón atlántico en Europa. Desde finais da década dos 90 ata hoxe, a Consellería de Medio Ambiente vén desenvolvendo un programa de recuperación do salmón atlántico nos ríos galegos, entre os que se atopa incluído o Miño.
Estas actuacións céntranse na mellora da accesibilidade, o control da pesca e a mellora das poboacións mediante a introdución de reprodutores autóctonos. Nestes momentos o río Tea, principal afluente do Baixo Miño na marxe galega, e o río Mouro, que é o afluente da marxe portuguesa, representan as únicas zonas de reprodución e cría natural do salmón atlántico na bacía do río Miño, xunto a algunhas áreas do curso principal.
Grazas á posta en marcha nos últimos anos dunha estación de captura na presa de Frieira, a primeira barreira do curso principal do Miño, captúranse cada ano xuvenís de anguía e reprodutores de salmón para trasladalos ao centro de Carballedo para a súa reprodución artificial. Deste xeito formouse un stock de salmóns procedentes na súa orixe do Miño para o reforzo das poboacións neste río.