O vigués acudiu ao local do Pénjamo SunBar, na Praia de Patos, para dar unha clase maxistral de máis de dúas horas ás persoas alí presentes, que puideron aprender moito do mellor barista do país, que concorreu ao certame como subcampión Barista de Galicia e que se impuxo a outros 15 aspirantes.
A visita didáctica comezou cunha pequena introdución ao mundo do café, os tipos que existen e as diferencias entre eles. Ademais, tamén fixo fincapé no tema da hixiene na hostalaría e realizou unha demostración de Latte Art, a técnica de facer debuxos no café.
O Programa Formativo do Curso de Auxiliar de Restaurante-Bar en Nigrán encádrase no proxecto Emprego Inclusivo promovido pola Deputación de Pontevedra e desenvolvido coa colaboración do Concello de Nigrán. A iniciativa está pensada para mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación ou capacitación técnica e prácticas en empresa e Itinerarios Individualizados de Inserción; que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral.